O carballo de Vilar de Francos medra en séculos e en pedras

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Na imaxe, un dos ocos do carballo, no que é máis doado encestar as pedras.
Na imaxe, un dos ocos do carballo, no que é máis doado encestar as pedras. s. g.< / span>

Os mozos acoden a «encestar» nos cinco ocos da árbore

06 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasan os anos, e o carballo de Vilar de Francos (Artes-Carballo) é o único da bisbarra incluído do Catálogo de Árbores Senlleiras da Consellería de Medio Ambiente, lista que serve para recoñecer a importancia natural ou cultural das mellores plantas de Galicia. Apuntouse no seu día que outros exemplares da zona chegarían a ese listado (o de San Fins ou o de Cereixo), pero seguen esperando.

Ademais desa importancia natural, o de Vilar de Francos ten unha lendaria, incluso mítica, que tamén medra. Son coñecidas as súas propiedades casamenteiras: parella nova que encesta no gran oco que o tempo lle foi deixando no tronco, parella que casa. Seguindo, claro, un pequeno ritual, que moitas veces descoñecen os noivos: hai que dar tres voltas e lanzar de costas. Máis ou menos, porque a técnica varía segundo a quen se consulte.

Calculaba un operario que traballaba no pazo que está xusto ao lado, xa fai uns anos, que cada mes podía contar unhas 200 pedras, que había que extraer. Moitas vodas parecen, á vista dos datos oficiais, aínda que se tivese en conta toda Galicia. Pero as lendas son para respectar. En todo caso, esa cifras non parecen esaxeradas á vista de como foron medrando os lugares de enceste. Non son un, son cinco, aínda que un deles está alto e case oculto e hai que ter boa puntería para atinar. Un par de voltas arredor da árbore (convén aparcar na explanada que hai diante do pazo e andar uns metros) permiten comprobar como os buratos se foron enchendo de pequenos croios, algo único en Galicia.

Os séculos, máis lentamente, tamén van a máis nel. Nun traballo editado pola obra social de Caja Madrid, os botánicos botábanlle case 400 anos. Carlos Rodríguez Dacal e Jesús Izco, autores de Árboles Monumentales en el Patrimonio Cultural de Galicia (no que se recollen outras lendas fascinantes deste e outros exemplares), eran máis amplos nos seus cálculos: de 250 a 500 anos. En todo caso, unha xoia, e non só para os namorados.

PATRIMONIO DA COSTA DA MORTE