Media decena de colexios e o Concello de Cee lembran a Celso Emilio Ferreiro

carballo / la voz < / span>

CORISTANCO

12 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Arredor de douscentos centros escolares de toda Galicia participarán hoxe na iniciativa impulsada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para lembrar a Celso Emilio Ferreiro no primeiro centenario do seu nacemento e manifestar o seu compromiso cívico coa cultura e a lingua galegas.

No caso da Costa da Morte, a última hora de onte -mentres proseguía o reconto final de participantes- eran xa cinco os centros escolares que confirmaran a súa intención de facer un alto nas súas actividades lectivas de hoxe (ás 12 horas do 12 do 12 do 12). Os alumnos aproveitarán ese parón para facer un recitado colectivo de Deitado fronte ao mar, un poema publicado orixinalmente no libro Longa noite de pedra, e outros versos do insigne escritor nado en Celanova.

Os participantes

Xunto co colexio Xosé Pichel (Coristanco), o CPI As Revoltas (Cabana), o CEIP Milladoiro (Malpica), o IES Agra de Leborís (A Laracha) e o CEIP Os Muíños (Muxía) -que aportarán medio millar de alumnos á iniciativa-, tamén se sumará a esta convocatoria o Concello de Cee.

Neste último caso será a través da Concellería de Cultura, Educación e Deportes e da biblioteca municipal Francisco Mayán, que desenvolverán unha iniciativa similar diante do consistorio.