Bernardino Graña lembrou a Domingo Antonio de Andrade no pregón da Xunqueira de 1987

josé ramón rey senra

CARBALLO

O poeta de Cangas do Morrazo cualificou ao arquitecto ceense, mestre do barroco galego, de «verdadeiro bardo da pedra»

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Con motivo do terceiro centenario do pasamento de Domingo Antonio de Andrade, mestre do barroco galego nado en Cee, publicábase neste xornal o artigo «Cee descubriu a Domingo Antonio de Andrade no 1941», no cal mencionaba os actos ou manifestacións máis salientables para lembrar a figura de tan insigne artista, acontecidos na súa vila natal e que culminarían co levantamento dun monumento e coa atribución do seu nome a unha rúa da vila o 11 de agosto de 1990.

Pero remexendo entre a diferente documentación do fondo local da Biblioteca Pública Municipal Don Francisco Mayán do Concello de Cee, atopeime co pregón das festas da Xunqueira do ano 1987 que deu Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932), poeta e narrador, articulista, ensaísta en numerosas publicacións, impulsor do Pen Clube de Galicia e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Neste pregón, o xenial vate, entre outras moitas cousas, recórdanos e achéganos dunha maneira sublime á figura de Andrade. Este acto tamén contribuíu a descubrir e divulgar a figura do artista entre a veciñanza.

E considerando que as palabras pronunciadas por Bernardino non deben ser esquecidas pola súa importancia documental e literaria, véxome na gozosa obriga de transcribilas aproveitando os distintos actos que se están a celebrar, tanto en Cee como en Santiago de Compostela, en torno á figura de Domingo Antonio de Andrade.

Velaquí un extracto fundamental e significativo do pregón das festas da Xunqueira de 1987 que pronunciou Bernardino Graña que axuda a acrecentar a bibliografía sobre o arquitecto céense Domingo Antonio de Andrade:

«A pedra, o que parece máis corpo, e corpo duro e impenetrable, é en Galicia un marabilloso condutor ou transmisor de espírito, de fluxos divinos e imponderables.

Galicia está chea de pedras máxicas, pedras sagradas, pedras espirituais que receben e dan espírito: cruces de pedra, igrexas, dolmens, mámoas, casas, castelos... Pedras cheas de Historia. Historia que é a nosa vida do pasado, do presente, forza e impulso para entrar firmes e seguros no futuro. Pedra tamén que recebe e dá arte e inspiración. Dígao senón Domingo Antonio de Andrade coas súas admirables, inspiradas, gráciles obras en pedra, como a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela, así como o Pórtico Real na Praza da Quíntana, a Sancristía do Cabildo, aparte de edificios que el realizou no Convento de Santo Domingo de Bonaval, a Casa da Parra, e tantas outras estupendas, artísticas construcións. E non esquezamos os seus deseños e obras en madeira. Non esquezamos, sobre todo, o sentimento aéreo, barroco, froiteiro deste esgrevio ceense nas súas obras arquitectónicas. As formas cupuliformes, os pináculos, as bolas, as cartelas, os mútilos, as carátulas e tantos detalles ornamentais que el introduce son unha maneira de converter o macizo da materia pétrea en vexetación e canto inmaterial que se eleva e nos eleva. Resulta así un verdadeiro bardo da pedra, e moi galego por ser barroco entre nós, foi inventado polas vizosas e sagradas carballeiras, polas súas follas multicurvilineas e polo intrincado labirinto da enramada e do seu chan nutricio, buligante de vermes, insectos, paxaros.

Estamos certos, convencidos e contentos de que Domingo Antonio de Andrade aprendera tal elevación, tal grandeza e sentido poético e froiteiro grazas a ser fiel ao seu ámbito, á súa orixe ceense. A alma do bardo, como dicía Eduardo Pondal, o que cantou o río Xallas e dolmens e horizontes grandiosos desta zona, pensa en cousas grandes, ousadas, en érxicas, elevadas: ?As almas escravas de ideas non grandes -dixo- van pensando mil cousas (...) molentes e infames?. E logo engade:

?Mais a alma do bardo / enérxica, ousada / que audaz liberdade / tan só soña e ama, / vai pensando en propósitos férreos /que erguerán a patria?.

Erguendo torres como a Berenguela, indubidablemente, Domingo Antonio de Andrade foi un arquitecto-bardo e foi un erguedor da patria galega e da súa patria-ponto de nacemento de Cee.

Aprendamos, como Andrade, destes paisaxes de harmonía do vexetal, o pétreo, o lumínico, o acuoso, o aberto ou aéreo, o puro e fiel á Natureza, e non aprendamos das almas escravas de baixos e momentáneos e egoístas intereses, pecuniarios, engolfadas, pervertidas, como diría Pondal en mil cousas molentes e infames».