«Os voluntarios son os únicos aos que lles debemos algo»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XESUS BUA

Reclama un protocolo de actuación para sinistros como o do petroleiro

11 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Javier Sar Romero leva 29 dos seus 44 anos andando ao mar. Foi o patrón maior máis novo de España, xa que cando tomou posesión na confraría de Muxía só tiña 27 anos, e tocoulle vivir de cheo a traxedia do Prestige. Dez anos despois, de todo o arquivo mental que atesoura e que daría, asegura, para varios libros, quédase coa marea de solidariedade que gañou a loita contra o chapapote e co desexo de que a mala xestión daquela catástrofe non se repita nunca máis.

-¿Que é o que máis recorda daqueles días de novembro?

-O pesadelo daqueles días, diría eu, a incerteza do que podía pasar, porque en realidade non se sabía ben o que había que facer. Pero, a partir de aí, máis que nada quedan os sentimentos vinculados aos centos e centos de voluntarios que había todos os días, e de facer o que fixemos: axudar á xente que viña, que creo que é a única á que lle debemos algo.

-¿Lembra que estaba facendo cando o Prestige empezou a achegarse á costa de Muxía?

-Acórdome perfectamente dende o primeiro día, porque, ademais, pasounos unha anécdota curiosa. Nós entramos o día anterior con bastante mal tempo, o que se lle chama de arribada, e fun coa tripulación tomar algo a un bar e escoitamos a noticia de que había un barco con problemas no corredor de tráfico, a 27 millas. Iso foi sobre as sete da tarde do día antes de termos o barco aquí encima, e nós saímos para o mar ás catro da mañá, en principio sen ningún problema, ata que ás sete e pico da mañá o patrón de costa, que estaba de garda, chamoume porque había un olor fortísimo a gasóleo e non sabía de que era. Nós estábamos traballando a unhas dez millas de Touriñán, e nun principio pensei que tiñamos algunha fuga, porque había unha peste enorme. Non sabíamos que podía ser ata que vimos uns ecos no radar, como a unhas seis millas, de catro ou cinco barcos, e caín na conta de que podía ser o famoso petroleiro. E, efectivamente. E non é de estrañar, porque coa corrente que hai un barco deses perfectamente pode derivar tres ou catro millas á hora, e se estaba a 27 millas... Pola mañá, xusto cando amenceu o día, nós quixemos virar e recoller o aparello, pero non puidemos porque estabamos atravesando unha mancha de combustible espesísima, duns vinte ou trinta centímetros; o barco apenas a cortaba e levounos unha hora atravesala.

-¿Naquel momento xa eran conscientes do que ía pasar?

-Si, si. Ese día ás oito e media da mañá chamoume o conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, e acórdome que me fixo unha pregunta: «Patrón, ¿cal é a situación?». «Estamos jodidos», díxenlle eu. Acababa de chegar o barco da Xunta, o Serra de Santiago, e aquilo era unha verdadeira contaminación. Na radio estaban dicindo que o barco estaba a 15 millas, cando en realidade estaba a tres e media de Touriñán, nin máis nin menos. Eu sempre digo que de haber levado o Prestige para Corcubión ou para A Coruña a contaminación podería ser menos, pero non nos librábamos, porque o barco viña describindo a súa traxectoria cunha mancha de petróleo dunhas tres millas de ancho, e dende as 27 millas das que viña... Todo chega a terra.

-¿É máis fácil dicir agora o que se fixo ben e o que se fixo mal?

-A touro pasado podemos falar moitas cousas, pero eu sigo crendo o que crin dende o principio: o barco tiña que entrar en Corcubión. Claro que agora escoitas o que din os técnicos, ves as publicacións que saen, e eu non sei se tecnicamente iso sería posible, pero o barco tiña que ir para a zona máis próxima e que se actuase alí. Como moito levalo para A Coruña, pero iso suporía que xa tes unas sesenta millas de costa totalmente manchadas. Iso falámolo, claro, a touro pasado. Agora ben, eu entendo que calquera político que estea á fronte nunha situación desta envergadura, como non haxa un protocolo de actuación a seguir... E a día de hoxe non sei se o hai ou se non, ese é o problema. Pero daquela non se tiña nin idea do que había que facer, e é normal que o que pase sexa isto.

-Tivo que embarrancar o Cason para ter un dispositivo de separación do tráfico marítimo e que afundirse o Prestige para tomar outras medidas de seguridade. ¿Agora son suficientes?

-Eu entendo que o problema hai que atallalo de base, e se soubesen que facer co barco sería todo moito máis rápido e moito máis fácil e, sen dúbida, a contaminación sería menor. Habería, si, porque todo chega a terra, pero o que non se pode facer é que chegue o barco a tres millas e medio de Muxía e non saber que facer con el. Para min ese foi o erro máis grave: andar co barco dun lado para outro. Houbo un montón de cousas que se fixeron mal, pero agora están feitas e o hai que intentar que non volvan a pasar. E se pasan, porque os barcos pasan por aquí, e aínda que os monocasco están extinguidos e temos un par de barcos anticontaminación máis, que dubido que sexan eficaces para un vertido coma este, pero que antes non os había, hai que previr e non chegar a unha situación tan caótica.

-¿Resentiuse o sector?

-Non, para nada. Desde o Prestige foron para o desguace cinco ou seis barcos, pero non se pode cometer o erro de dicir que foi por iso. Do que máis contento estou é de que, segundo os informes técnicos, a fauna mariña está recuperada, e tamén espero que a xente que veu limpar non teña ningún problema sanitario a medio ou longo prazo.

Javier Sar Romero expatrón maior da confraría de pescadores de muxía

«Agardo que a xente que veu limpar non teña ningún problema sanitario»

«Para min o erro máis grave foi andar co barco dun lado para outro»