La Voz recibe un busto pondaliano polo seu traballo de difusión cultural

La Voz

CARBALLO

31 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Os responsables da Fundación Eduardo Pondal aproveitaron o acto de clausura celebrado onte na reitoral de Cospindo para mostrar o seu recoñecemento a La Voz de Galicia polo labor de difusión cultural que ven desenvolvendo desde que foi aberta a súa delegación de Carballo, hai xa 25 anos. Como sinalou un dos patróns da entidade, Xosé María Varela, tras lembrar que o xornal participou tamén este ano no Simposio cunha mostra fotográfica que repasa a historia desta iniciativa, «La Voz leva 25 anos instalada na comarca dando cumprida información de todos os actos que organiza tanto a Fundación Pondal coma a Asociación Monte Branco».

O presidente da Fundación e alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar, foi o encargado de facer entrega ao delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, dun dos bustos coa efixie do Bardo de Bergantiños realizados pola escultora Iria Rodríguez e que xa foron entregados en ocasións anteriores a persoeiros da talla de Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas ou Avelino Pousa Antelo.

E foron, precisamente, as imaxes de La Voz que acompañaron a este simposio ás que lle serviron ao secretario xeral de Política Lingüística para destacar á capacidade da entidade pontecesá para traer a O Couto a algúns dos maiores representantes da cultura galega. «Isto quedará para sempre na memoria viva de Ponteceso», asegurou.