Os ceenses volveron ao tempo de Domingo Antonio de Andrade

Patricia Blanco
p. blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Víctor Castiñeira abordou o contexto e a época na que naceu o arquitecto

21 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cee mudou moito dende aquel século XVII no que nacera Domingo Antonio de Andrade, pero o que se fixo na xornada de onte foi recordar a vila de entón, a súa situación. O historiador e técnico de Cultura dese concello, Víctor Castiñeira, inaugurou o ciclo de conferencias organizadas para conmemorar o 300 aniversario da morte dese coñecido arquitecto de orixe ceense. Coa súa intervención, titulada Andrade e a vila de Cee no seu contexto histórico, Castiñeira tratou de situar aos asistentes no século XVII, naquel contexto socioeconómico e artístico.

Segundo contou o historiador, nada tiña que ver un aspecto co outro. Se ben politicamente foi un tempo convulso e mesmo de crise, polo levantamento de Cataluña ou a guerra con Portugal, no mundo da arte foi unha época de esplendor. Era o inicio do Barroco, movemento do que Domingo Antonio de Andrade é a esencia. A partir do segundo tercio do XVII hai que falar tamén da influencia da revolución do millo, que acabaría derivando no incremento, case o dobre, da pobación da franxa atlántica de Galicia. Cee, por exemplo, pasaría de algo máis de 400 a case 1.000 habitantes a principios do século XVIII. Ese é o contexto no que nace o artista ceense.

Neste primeiro bloque de contextualización da época e da figura do autor da torre do reloxo da catedral de Santaigo ou das escaleiras de caracol, Castiñeira fixo tamén referencia ás divisións políticas daquel tempo e tamén aos sectores comerciais propios da época: a pesca, o coiro, os tecidos, o encaixe e mesmo os traballos relacionados co viño. Non quedaron tampouco sen abordar, en canto á relixiosidade, o comportamento de veciños e clero. Falouse onte das confrarías e dalgunha das súas actividades.

Biografía e proxeccións

Víctor Castiñeira incorporou na súa intervención unha segunda parte dedicada á biografía de Domingo Antonio de Andrade: o seu nacemento no seo dunha familia «ben situada», social e economicamente, o cargo de xuíz que tivo o seu pai nas xurisdiccións de Vimianzo e Mens e que logo tería tamén en Cee, a orfandade ou os problemas de saúde do artista que lle impedirían rematar os seus estudos.

Co obxectivo de conseguir unha intervención máis amena, apoióuse en proxeccións audiovisuais que facían referencia, sobre todo, a libros eclesiásticos da época, aínda que se puido ver tamén a sinatura do propio Andrade e incluso unha recreación da súa vestimenta, feita a partir de documentos históricos nos que se describía a súa figura. «Un cabaleiro, con capa, moi elegante...», describiu o historiador, quen tamén abordou a escasa obra do artista na vila de Cee, que virían sendo dous retablos e unha lámpada.

Comezaron as conferencias con motivo do tricentenario da súa morte