Domingo Antonio de Andrade, a esencia do barroco galego

VÍCTOR M. CASTIÑEIRA CASTRO CEE

CARBALLO

A torre do reloxo da catedral é obra do arquitecto ceense
A torre do reloxo da catedral é obra do arquitecto ceense PACO RODRÍGUEZ

O arquitecto de orixe ceense, que finou en 1712, realizou diversas obras emblemáticas do patrimonio galego

09 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O 12 de novembro cumpriranse 300 anos do pasamento dunha das figuras máis importantes do barroco en Galicia, Domingo Antonio de Andrade. A el dedicoulle o profesor Francisco Mayán algunhas das súas primeiras investigacións sendo estas os primeiros intentos por aproximarse ao artista e a súa vinculación coa súa vila natal.

Os seus esforzos culminarían coa obra Domingo Antonio de Andrade, hijo ilustre de Cee, publicada no ano 1990 coincidindo coa inauguración do monumento erixido ao lado da Casa do Concello e coa denominación da rúa que leva o seu nome, dentro dunha serie de actos que se organizaron nese ano para reivindicar e dar a coñecer na súa vila natal a obra dun dos máis grandes arquitectos que naceu na nosa terra.

A finais desa década, Miguel Taín defendía na Universidade de Santiago a súa tese de doutoramento titulada Domingo de Andrade, que serviría de base para a publicación Domingo de Andrade, maestro de obras de la catedral de Santiago (1639-1712), que vería a luz no ano 1998 e que é o traballo de investigación máis completo sobre o artista. Finalmente, no ano 2004, unha nova tese, neste caso de Leopoldo Fernández Gasalla, La arquitectura en tiempos de Domingo de Andrade, viña a ampliar aínda máis o coñecemento da súa obra, agora en relación co traballo doutros arquitectos coetáneos. Ata a aparición destas teses, para o análise da obra de Andrade, o estudio de referencia era a publicado no ano 1966 polo profesor Bonet Correa, quen, no seu traballo sobre a arquitectura en Galicia no século XVII, adícalle un capítulo acompañado dun excelente análise gráfico e documental.

A Concellería de Cultura, Educación e Deportes do Concello de Cee preparou para este tricentenario actividades que pretenden homenaxear e ao mesmo tempo divulgar entre os veciños a súa obra, entre a que podemos salientar, por ser as máis coñecidas, a torre do reloxo da catedral de Santiago ou as escaleiras de caracol de San Domingos de Bonaval. Pero a obra de Andrade é moito máis e con razón está considerado como o principal promotor da escola barroca en Galicia, na que se inscriben os seus discípulos Simón Rodríguez e Fernando de Casas.

Foron os seus pais, Domingo López de Andrade natural da parroquia de San Xulián de Petán (A Cañiza) e Alberta López, natural de Cee e filla de Alberto López e María López, «padres ricos y honrados». Do seu pai, sabemos que foi un fidalgo acomodado que ocupou o cargo de xuíz nas xurisdicións de Vimianzo e Mens, o que sen lugar a dúbidas o sitúa no entorno dos Condes de Altamira. Finalmente tamén sería xuíz na vila e xurisdición de Cee, lugar de residencia e no que, coma un veciño máis, aparece como membro da confraría de San Sebastián e Ánimas do Purgatorio ou tamén como mórdomo da fábrica da Nosa Señora da Xunqueira no ano 1653.

Por algúns documentos podemos deducir que De Andrade criouse no seo dunha familia cunha boa posición social e económica, pero a prematura morte da súa nai e o feito de que o seu pai tivera fillas dun anterior matrimonio, deu lugar a problemas coas herdanzas entre o pai do artista e os seus sogros e posteriormente entre o propio Domingo e o seu cuñado Andrés González de Lema. Esta situación non quedaría resolta ata o ano 1703 cando o arquitecto firme unha concordia pola que recibiu 400 reais e o agro de San Andrés en Corcubión.

Estudos eclesiásticos

Antes de adicarse á arquitectura, Domingo, xunto co seu irmán Antonio de Andrade, empezou estudios eclesiásticos, acadando a prima tonsura, antes de matricularse na Universidade de Santiago. Domingo farao con 15 anos, no 1654, na carreira de Artes, estudos que non seguirá xa que se matricula no ano seguinte no primeiro ano da carreira de Cánones. Nese 1655 foi ingresado no Hospital Real de Santiago sen que poidamos saber a doenza en concreto, pero debeu ser de certa importancia xa que non continuará os seus estudos en Santiago e incluso anos despois volta a aparecer ingresado no citado Hospital.

A pesar da súa corta estadía na Universidade, contará con coñecementos de filosofía e dereito canónico, dominando o castelán e, sobre todo, o latín, o que lle permite acceder ás publicacións estranxeiras.

Nas vésperas do Nadal de 1659, con 20 anos, bautízase en Corcubión o seu primeiro fillo, Francisco Antonio, tido de solteira por Isabel de Areas Canosa, coa que acabaría por casar en marzo de 1662. Pouco despois da súa voda (1662) debe empezar a traballar nos obradoiros artísticos da catedral baixo o mando do coengo José de Vega y Verdugo, quen o instruiría en temas de arte e arquitectura.

Xa en 1663 abre o seu propio taller e ingresa no gremio de canteiros, entalladores, carpinteiros e toneleiros de Santiago.

Ata o ano 1664, formáse como entallador aprendendo o oficio da man de Francisco de Antas e Bernardo Cabreira (os mellores artistas de retablos da época).

En 1665, xunto co aparellador da obra do Tabernáculo, Lucas Serrano, recibe o encargo de facer a que se considera a súa primeira obra de importancia como entallador: a construción do camarín do presbiterio que é o lugar ó que acoden os fieis para venerar e apertar a imaxe do apóstolo Santiago. Os seus coñecementos da madeira e a súa habilidade fan que o traballo destes primeiros anos teña que ser necesariamente tido en conta para entender o conxunto da súa obra posterior.

O seu ascenso dentro dos obradoiros da catedral é imparable, e xa entra de cheo na parte que o levou a entrar na historia.

CRÓNICA HISTÓRICA