«Estudar a cultura é prestixiala, amala»

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

LUCIA CONCHADO

O experto en toponimia destaca o pouso céltico de Bergantiños

26 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada, 59 anos, 24 deles en Carballo) é profesor no colexio de Razo, licenciado en Filoloxía Hispánica e a maior autoridade en toponimia en Galicia. Cúmprense xustamente agora 20 anos da publicación de Os nomes de lugar. Virían máis, tomos elaborados e minuciosos, de investigación, divulgación e interpretación de topónimos, senón doutros eidos. E xa leva dez. O undécimo, esperando a saír en Xerais, tratará sobre a toponimia celta (Os celtas resucitados: a toponimia e a antroponimia dos celtas en Galicia), e outro pendente, o ensaio Galicia, o galego e os galegos, no que se ponderan as virtudes da xente.

Esta semana leu o pregón da Feira dos Libros, construído sobre un novelado pesadelo de falta de librarías. Cando espertou aínda estaban alí.

-¿Interesa a toponimia?

-A unha parte da xente, máis ben pequena. Non se pode ter tantos clientes como na novela. O maior éxito dun libro de toponimia é que se acabe a edición.

-¿Mírano como a un bicho raro cando vai polos pobos, investigando os nomes?

-Si, míranme con recelo. Eles non se recrean coa toponimia nin de lonxe. Antes sempre pensaban que era de Facenda. Teño que explicar a que vou, porque se poñen nerviosos.

-¿Entende esta ciencia como unha vía de conexión coa terra?

-Amar á terra non só é facer política. Tamén é estudala, interesarse polo país. A toponimia é fundamental para achegarse e amar ao país de verdade. Todos os estudos dun país son para que se prestixie, estudala é prestixiala e máis amala, porque a historia de Galicia está moi manexada. Penso que se unha persoa sabe quen é vivirá con menos contradicións e máis feliz. E os galegos temos moitas contradicións porque fomos moi atacados na historia. A toponimia tamén a entendo como algo espiritual, con valores intanxibles.

-Ás veces tamén é motivo de disputa.

-É unha mágoa que o que máis interesa dela é para meterse un partido con outro, cando hai liorta, como arma política. Hainos que o fan de corazón, pero tamén para amolar aos contrarios.

-¿E que lle parecen outro tipo de debates, por exemplo os da B e a V? Berdillo, Balarés...

-O primeiro é saber sempre a orixe dun topónimo. Ribeira, por exemplo. Vén de Riparia, e a P dou en B do latín ao galego. Por tanto, Ribeira. No caso de Balarés, parece ser que pode ser con V por vir de Val. Val areense, de area, como Salnés, terra de salinas. Pero non é seguro de todo, hai dúbidas. Con Berdillo, igual, con V, bastante probable, pero non seguro.

-¿Hai algo que faga singular á Costa da Morte?

-Se ten algo de extraordinario sobre as demais, pero que comparte con algunha outra zona de Galicia, especialmente na provincia coruñesa, é a toponimia de orixe celta. En Bergantiños, moito. O mesmo nome Bergantiños: na Europa celta hai e houbo nomes parecidos a Bergantiños. Hai dúas teorías sobre o significado: os habitantes da Coruña e arredores, de Brigantium, ou os excelsos. Outros nomes celtas son Carantos, Nantón, Dubra, Brandoñas... Os nomes que comezan por Corn- e Carn- poden ser os primeiros topónimos celtas.

-Leva moitos anos de mestre. ¿Como ve o rumbo da educación?

-Son pesimista, vexo que os gobernantes amosan un escaso interese pola cultura, e máis aínda pola cultura en galego. Comprendo tamén que o primeiro de todo son os garavanzos, as necesidades básicas, pero o certo é que non vexo ese interese. Eu son un desencantado da política. Totalmente. E de todos os partidos políticos.

-¿E o do galego?

-Tamén vai a peor. Tal como está a conxuntura económica tan desfavorable, aproveitan para que a cultura galega se esqueza. Que o galego, propio de aquí, vaia quedar como algo folclórico.

FERNANDO CABEZA QUILES ESCRITOR