Carta ás olas

Carmen Rama

CARBALLO

10 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

CBenqueridos Cacharros:

Chegastes coma obras de arte da man do señor das olas e botáronvos a trompicóns.

Don Luciano coñeceu a cerámica bergantiñá no museo na Catedral de Santiago e namorouse da olería de Buño.

Lembra, Pucheiro, o seu bautizo coma o señor das olas. Nunha tasca santiaguesa, un funcionario iluminado polo viño mudoulle o nome ao saúdalo, e gustoulle.

O doutor Alén naceu na cidade do Lérez poucos anos despois da chegada de Ruth Matilda Anderson. En Pontevedra, a americana retrataría a escola de Alfredo (o pai do noso amigo), no edificio que anos máis tarde sería sede do Museo Provincial.

As imaxes tiradas por Ruth Matilda Anderson na Costa da Morte reflicten un mundo perdido. Do 27 ao 30 de xaneiro de 1926, Matilda fixo parada e fonda en Carballo e o día 29 estivo fotografando aos alfareiros.

Lede vós, Xerra e Xerro. Fixo Medicina na Universidade de Santiago, na que acada o grao de profesor titular de Obstetricia e Xinecoloxía.

Barreñón, o seu irmán Alfredo (secretario do Museo Provincial de Pontevedra) meteulle o verme da cerámica no corpo, e o galeno foi quen de espremer o tema. O médico sacou tempo e cartos da súa profesión para o proxecto. Como profesional da saúde e humanista, conectou cos oleiros.

Cazola, nos sesenta chegou ao mercado a Carballo. No «muro da louza» estaban os cacharreiros. E don Luciano quedou prendado das pezas expostas. O barro era daquela unha profesión que estaba esmorecendo e na que só quedaban catro vellos.

Pota, cando chegou a Buño, a vila do barro na Costa da Morte estaba case igual a como a describira o profesor de Oxford Aubrey Bell, en 1922.

Cunca, «buño» equivale a dicir «xunco», e este pobo é abundante en barros de calidade. A comercialización das pezas era feita polos arrieiros do Xallas e a outra parte da mercadoría saía cara os portos de Malpica, Ponteceso ou Corme.

Chocolateira, xa se perderon os fornos comunitarios, a figura da fumeira e o final da enfornadura coa carroa; servindo na Fonte a caldeirada de maragotas.

Tarteira, sabes que estudou todas as alfarerías de Galicia porque este país é un mundo infinito e descoñecido. O labor polos camiños e as conversas cos oleiros, remataron sendo unha tarefa feita devagar por un home respectuoso coa súa terra e as súas xentes.

Os oleiros déronlle a posibilidade de comezar os alicerces dun soño: facer un traballo sobre a cerámica galega para as futuras xeracións, coa colaboración do fotógrafo e debuxante Xosé Manuel Vilasó.

Cacharros, sabedes que a maioría das mans que vos deron vida, non saíran de Galicia. O galeno fixo xestións coas Deputacións de A Coruña e Ourense para acadar financiamento e viaxar cos oleiros (en avión) cara Barcelona, á Escola Massana.

Viradeira, a carreira intelectual do doutor no seu empeño por dignificar a cultura galega, tamén se viu reflectida nos «seus» museos: no do Pobo Galego e no de Pontevedra.

Fundou con outros colegas o Policlínico La Rosaleda en Compostela, que leva da man unha fundación que ten como presidente ao doutor Fernández Albor e ao noso amigo coma vogal. Tamén fixo a súa achega á normalización do eido político, coa posta en marcha do Clube Nacionalista Alén Nós.

E houbo recoñecementos e premios.

Botixo, a min gústame o que entregou o señor Molina: a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Malia que a honra recaía nos artesáns do pobo alfareiro, coido que un graíño tiña que ter aportado o galeno. Aquel día un ministro de Cultura distinguiunos na compaña dun profesor universitario-médico-etnógrafo.

Cazo, a vosa peregrinaxe comezou no derradeiro goberno do señor Fraga. Daquela a Consellería de Política Agroalimentaria amosou interese por vos. Pero a cesión da colección fíxose realidade en 2009, durante a presidencia do señor Touriño.

Todo foron parabéns e ledicias, ata que a finais do ano pasado o soño esnaquizouse. De non ser pola sensibilidade dos xornalistas e dos fotógrafos desta casa, tardariamos en darnos conta de que xa vos chimparon da bisbarra.

Aproveitar para agradecer ao persoal do Centro Comarcal de Bergantiños os aloumiños que vos dispensaron, e a axuda que lle ofertaron aos irmáns García: embalar a colección mentres o pai estaba recuperándose dun ictus. Na vindeira Mostra de Olería de Buño os visitantes non poderán achegarse ao legado dos Alén.

Neste inverno houbo entidades, que pedían para Buño un centro no que se explique a relación dos seus habitantes co barro e coa olería. Dende Carballo e dende a asociación Neria tamén se fixeron ofertas para unha nova ubicación da colección. Mentres os oleiros, o que se di berrar, berraron pouco.

Cacharros, xa dixo Castelao: «Mexan por nós e temos que dicir que chove».

Abofé Lilos, que os nenos galegos non poderán xogar convosco. Estades nunhas caixas, esperando non se sabe que. Cando paseo polas rúas compostelás, ollo cara a solaina do doutor Alén e vexo os xeranios que están en Macetas de Buño, e imaxino que ten na cerámica é a mellor menciña.

Pota de Can, lembro esa narración: Conto do Castelo da Rocha Vella, na que don Luciano di que os nenos veñen do castelo medieval. De seguro que é certo, por algo o doutor Alén foi profesor de obstetras.

Estimadas Pezas de Barro, estivestes a carón das nosas vidas; servístesnos o viño, o leite e a auga e non imaxino un futuro destinado ao esquecemento. Fóra o loito e o pranto. Traballemos arreo para unha nova exposición da colección, para facerlle ao «señor das olas» a homenaxe que merece coma intelectual que fixo país. Imaxinade a música de Buxina e Chifre honrando a colección Alén.

Gustaríame despedirme cunha aperta, pero podería mancarvos. Un bico e ata máis ver, Velliños.