O Verán Cultural de Carballo inclúe o concerto do 25.º aniversario de La Voz

carballo / la voz

CARBALLO

Mar Eirís, Evencio Ferrero e Luciano Calvo presentaron o programa do Verán Cultural.
Mar Eirís, Evencio Ferrero e Luciano Calvo presentaron o programa do Verán Cultural. j. m. casal< / span>

A Orquestra Sinfónica de Melide e The Cerne interpretarán bandas sonoras

07 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un ano máis o Verán Cultural de Carballo chega para refrescar as calores do estío cunha ampla variedade de actuacións musicais, teatrais e culturais de todo tipo, que incluirán, ademais, o concerto co que a delegación de La Voz de Galicia conmemorará o seu 25.º aniversario. Unhas vodas de prata con sabor cinematográfico da man da Orquestra Sinfónica de Melide, que estará acompañada polo grupo de rock The Cerne, o ballet Atlántico, e os solistas Susana de Lorenzo, Alberto Cunha, Irene Ruiz e Belén Rey. Todos eles ofrecerán un concerto coas melodías máis célebres da sétima arte.

O Verán Cultural, que foi presentado onte, volve coa vontade de encadrar «unha oferta estable e de calidade que atenda aos diferentes intereses culturais dos veciños e enriquecer o tempo de lecer do verán», segundo explicou a concelleira de Cultura Mar Eirís. Para lograr os seus obxectivos, programaron once citas nas fins de semana que comezarán o vindeiro venres coa compañía de monicreques Pés Ceibes. Ademais, os veciños poderán gozar de novo do cine ao aire libre coas 16 proxeccións previstas.

O Verán Cultural rematará coa tradicional Praza dos Libros, unha cita posible grazas ao patrocinio de Conservas Calvo. «A nosa obriga é contribuír para minimizar a penuria económica que non sabemos cando vai cesar», indicou Luciano Calvo, acompañado polo alcalde na presentación do programa.