Unha vez máis, coincidindo co primeiro venres despois do entroido, os responsables, colaboradores e amigos de Cáritas Interparroquial de Soneira, entidade que preside Carmen García Martínez, xuntaranse no pavillón municipal de Zas (ás 22.00 horas) para participar na súa cea benéfica anual.
-¿Canta xente xuntarán?
-De momento, entre 600 e 700 persoas, pero aínda segue chamando xente para anotarse. Sempre pasa igual, co tema do entroido a xente non se acorda ata última hora.
-¿Cal e o menú para esta noite?
-Os primeiros dous anos era só arroz en branco, auga e pan, pero algunhas persoas dixeron que había que dar algo máis, un pouco de viño, que se non os homes non ían [ri], así que desde entón é a base de arroz con salsa de champiñóns, patacas con bacallau, pan e viño. Ademais, antes haberá unhas charlas e despois de cear, baile e sorteos.
-¿Fai falta moita xente para organizar unha celebración coma esta?
-Somos uns poucos, incluídos os párrocos. A comida fáinola o Tívoli, de Zas, pero de servila ocúpanse os voluntarios, que son arredor de 50. Para organizar isto fai falta tempo, xente e gañas de traballar, que é o máis importante.
-¿Cal é o orixe desta cea?
-Organizámola por primeira vez o ano do sunami que asolou Indonesia para xuntar cartos e mandalos para alá. Os seguintes anos enviamos o recadado a Perú para axudar nun programa no que estamos traballando e que xa permitiu construír casiñas para os nenos, aulas, unha igrexa... Ademais temos moitos pequenos apadriñados.
-¿Coa crise costa máis ser desprendido á hora de axudar aos demais?
-Non. A xente colabora moito así que estamos moi contentos. No Nadal tamén recollemos alimentos para a xente de aquí máis necesitada e os que sobraron mandámolos a outros concellos da zona e ao Cotolengo da Coruña.
-Este ano coincidiron na data con outra cea comarcal, a dos empresarios. ¿Afectou isto a á afluencia de comensais?
-A nosa cea é moi diferente así que non nos inflúe para nada. O que si afecta é que este ano hai moita xente enferma que non poderá vir.
CARMEN GARCÍA MARTÍNEZ PRESIDENTA DE CÁRITAS DE SONEIRA