Os pequenos de Ponteceso non foron os únicos que onte gozaron coa festa de aniversario de Eduardo Pondal. Entre os convidados estiveron tamén a concelleira ceense Zaira Rodríguez, responsable da área de Normalización Lingüística da Deputación, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, que aínda que o seu nomeamento produciuse hai só unhas semanas, asegurou que coñecía ben o traballo da Fundación de Cospindo. «Cando estaba ao fronte da dirección xeral de Política Lingüística tiñamos unha relación moi estreita coa Fundación e sempre foi un pracer acudir aos actos que organizaban», explicou Anxo Lorenzo, quen destacou a estreita relación existente entre a entidade e os centros escolares de Ponteceso. «A de Pondal é unha fundación moi activa e fai algo que deberían copiar e ter en conta outras fundacións de Galicia, que é a súa estreita colaboración e vinculación co ámbito educativo», dixo o director xeral de Cultura, ao tempo que resaltou que a Eduardo Pondal, pero tamén outras entidades similares seguirán a ter o apoio económico do seu departamento.
«A situación económica é mala e hai que facer axustes inevitables, pero seguiremos apoiando a todos aqueles que presenten actividades atractivas. A nosa política será sacarlle o máximo rendemento a cada euro do que dispoñamos. Ademais é moi importante que as entidades culturais teñan en conta dous elementos aos que lle hai que sacar o máximo rendemento, que son os equipamentos e infraestruturas e os recursos humanos dos que xa dispoñemos. Temos que pór en valor e aproveitar o que xa temos», indicou Anxo Lorenzo.