T.?C.?C. ten 33 anos, está separada, reside en Carballo, e prefire manter o seu anonimato pola súa filla, de 8 anos, que estuda no colexio Bergantiños.
-¿Dende cando non traballa?
-Quedei no paro en outubro. Estaba nun taller de costura e o seu propietario xubilouse, polo que a indemnización que me quedou foi ridícula.
-¿De que vive?
-Do subsidio de desemprego, pero non é moito, que está a punto de esgotarse. A preocupación que teño non lla desexo a ninguén.
-¿Ten familia?
-Si, pero dáme vergonza ter que recorrer á axuda dos meus pais, e aínda que sempre están aí prefiro non facelo.
-¿Pediu colaboración a Cáritas?
-Levo un tempo acudindo á sede de Cáritas Bergantiños e a verdade é que a xente pórtase moi ben comigo. Axúdanme en todo aquilo no que poden, que non é pouco dada a cantidade de xente que vai ata alí.
-¿Que é o que máis precisa?
-Teño un problema moi gordo cos pagos dalgúns recibos. O da calefacción tenme moi preocupada. Na última factura veume un importe de 525 euros.
-Iso é imposible...
-¿Imposible? Non, como llo estou contando. Teño unha nena pequena, e necesito ter a calefacción prendida todo o día porque é propensa aos catarros. Xa avisei ao técnico da compañía para que me mirase o contador e díxome que estaba todo ben. En Cáritas axudáronme a pagar parte deste recibo pero non todo porque, obviamente hai máis xente coma min e, incluso, en peores circunstancias. O que farei é cambiar de piso, iso téñoo moi claro.
-¿Busca traballo?
-Si, pero a precariedade é absoluta. Ofrécenme empregos na hostalería por 8 euros a hora, sen asegurar, sen contrato... Na maior das precariedades laborais que vostede se poida imaxinar. Logo falan de estimular as contratacións e de conciliar a vida laboral e persoal...
-¿Por que o di?
-Porque eu soamente pido ter a posibilidade de coidar e atender a miña filla. Eu non podo estar ata as 3 ou 4 da madrugada atendendo á clientela porque teño que estar pendente da nena. Pero cando pos limitacións de horarios, dinche que non.
-¿E coller a alguén por horas para que atenda a súa rapaza?
-O comido polo servido. Se traballo para ter que pagar a alguén, mal negocio. Non teño problemas porque a miña filla quede con meus pais, o que non quero e que meus pais fagan de pais todo o tempo; a súa nai son eu e quero ter a posibilidade de criala eu. Pero agora mesmo é inviable e supoño que non terei máis remedio que seguir neste mundo laboral de precariedade.