Traballadora social con 14 anos de experiencia, Juana María Tubío Ordóñez preside desde decembro o colexio profesional, que en 2012 completa 30 anos de funcionamento e supera os 2.400 afiliados.
-¿Qué obxectivos ten a nova directiva?
-O noso traballo é un motor para conseguir o benestar social. Como directiva temos que defender a profesión, conseguir maior recoñecemento, evitar o intrusismo profesional, e continuar como un referente na formación. Tamén potenciar os convenios coas administracións, para contribuirmos a solucionar as moitas necesidades das persoas, pois o noso colectivo está moi implicado polo seu estreito contacto coa realidade social. E temos preocupación pola investigación e por manter publicacións como a revista Fervenzas. Outra liña estratéxica é o mellor funcionamento do Colexio, dar mellores servizos que se lle ofrece á xente.
-¿E como ven a realidade social?
-Coñecemos ben a realidade e como intervir nela, e así o indicamos nas reunións con consellerías, deputacións, concellos ou grupos parlamentarios, para buscar solucións a problemas sociais de moitos colectivos que teñen dificultades serias. Instamos ás Administracións públicas para que creen recursos e as atendan.
-¿Que respostas teñen?
-Vemos con preocupación, por exemplo, que case todo o orzamento da comunidade autónoma se destina para dependencia; e hai persoas non valoradas por dependencia con necesidades moi importantes.
-¿Cales son os recursos máis relevantes na situación actual?
-Por exemplo a axuda a domicilio, como recurso de proximidade e preventivo. Non se contempla nos orzamentos autonómicos, e nas reunións que temos buscamos solucións para iso. Contribuiría para evitar casos como eses extravíos de persoas maiores que hai con tanta frecuencia. A ver se entre varias administracións se busca unha solución. As necesidades sociais non teñen cor política algunha e hai que lles dar resposta.
-¿E nos concellos?
-A demanda é moi grande, moitos servizos sociais nos concellos están desbordados. Porque ao aumentar o desemprego acoden para pedir axuda. Hai listas de espera bastante considerábeis, ao que contribúen a crise e a aplicación da Lei de Dependencia, que obriga a prestar a atención necesaria para garantir os dereitos que se recoñecen nela.
-¿Onde intervén máis o colectivo de profesionais sociais?
-A maioría do exercicio da profesión é nas administracións públicas. Aumentou a nosa presenza no terceiro sector, aínda que cos recortes do financiamento moitas asociacións teñen dificultades para manter profesionais. No sector privado intervimos en empresas de axuda a domicilio, ou en residencias, como asesores, xestores de recursos, ou prestando apoio psicosocial.
-¿En que actividades teñen demanda para exercer?
-Estamos en diferentes ámbitos: nas Administracións, na sanidade, nos servizos sociais, na educación, nas entidades asociativas do terceiro sector, no ámbito penitenciario, e tamén en empresas e no libre exercicio da profesión. Prestamos servizos que chegan desde a infancia ás persoas maiores, e a colectivos moi diferentes dende o punto de vista social.