Novoa ten feito investigacións tamén en Portugal, Italia, México e Venezuela

«O abrigo de arte rupestre de Corme é un dos máis importantes de Galicia»


carballo/la voz.

A arte rupestre e o patrimonio arqueolóxico da comarca son os eixos da charla que ofrecerá o investigador Pablo Novoa Álvarez (Lugo, 1945) esta tarde (ás 20.30 horas) na confraría de pescadores de Corme. Convidado pola Fundación Torre Pujales, este arqueólogo, que ten percorrido medio mundo, reclamará máis protección para vestixios coma o Petón da Campaíña do que xa denunciou publicamente o seu estado de abandono.

-¿En que estado se atopan este restos?

-O abrigo de arte rupestre de Corme é un dos máis importantes de Galicia, pero é necesario que sexa protexido para evitar que se perda. Eu pecharía a zona permitindo que sexa visto desde fóra, pero evitando que a xente poida acceder e causar danos. Tamén hai que limpar a maleza para evitar que poida ser afectado polos incendios.

-¿A xente é consciente da importancia destes restos?

-Hai persoas que si saben que teñen valor, pero cando chegan a un sitio queren deixar a súa pegada e fan grafitos ou deixan a súa firma. É un problema de ignorancia.

-¿E a Administración?

-Está claro que en Galicia hai miles e miles de petróglifos e gravados así que é difícil chegar a todos, pero si pode facer unha política divulgativa e educativa nos centros de ensino, para que os nenos coñezan desde pequenos a súa importancia.

Votación
5 votos
Etiquetas
Arte Lugo ciudad Incendios en Galicia Comarca de Lugo