Xardineiros con moito estilo

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

Os alumnos do colexio fisterrán de Sardiñeiro encárganse de coidar a horta como método para estudar os tipos de plantas

11 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xardineiros en Sardiñeiro. Ademais dun xogo de palabras trátase dunha realidade que está tendo lugar no colexio fisterrán de Areouta, no que os alumnos participan en distintas actividades medioambientais ao longo de todo o ano. «Como somos poucos, xa que é un centro con 40 estudantes, gústanos facer actividades nas que participe todo o centro, que poidan servir para a formación dos alumnos», explicou o director do centro.

De feito, todo o claustro de profesores está moi implicado na formación ecolóxica do alumnado. Onte foi un día especial para os cativos, xa que puideron traballar na horta. «Temos isto pendente desde fai días, pero ata o último momento non o puidemos levar a cabo polo mal tempo».

Aromáticas

Os alumnos van cultivar no entorno do colexio plantas aromáticas. Pero aquí non se quedou a cousa, xa que mentres enterraban as sementes tamén tocou dar, en voz alta, a lección. Din os seus mestres que os nenos de Sardineiro teñen unha especial sensibilidade polo medio ambiente, xa que é un referente na súa escola. O director cre que, parte deste mérito é dos educadores. «Está claro que sen o apoio do claustro este proxecto non se podería levar adiante», asegurou. Pero os alumnos non poden descoidar as notas. Por iso, estes días os maiores apuran as leccións, xa que a semana que vén, en canto terminen a avaliación, poderán gozar uns días do coidado da natureza. «O próximo que faremos será a semana que vén. Imos colocar un panel onde se colgarán fotos de cada planta que temos no centro, cunha pequena explicación, para que os nenos se vaian quedando cos seus nomes e características», engadiu.