«Debemos ser quen de imaxinar algo máis que o que hai»

CARBALLO

ANA GARCÍA

Entrevista | Farruco Graña A primeiros de xullo sairá á rúa «O bosque de Nagdor», a primeira novela do autor carballés afincado en Ribadeo

09 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Farruco Graña é o máis novo de catro irmáns. Naceu en 1966 no barrio da Milagrosa, en Carballo, pero a profesión foino conducindo cara outra costa, a da Mariña luguesa. Vive en Ribadeo, pero mantén o contacto coa súa vila e os seus veciños, entre outros medios, pola sección Novos Tempos, que publica cada semana en La Voz. En cuestión de días estará na rúa a súa primeira novela, O bosque de Nagdor , publicada pola asociación cultural Francisco Lanza, ilustrada por Chema Santos Vila e cunha portada tan suxerente como o título deseñada por Chenchu Martínez. - ¿Que é Nadgor? -Cando escribo xogo coas palabras, co espazo, co tempo, cos feitos, coa memoria. Nadgor é unha palabra inventada que me permite denominar e recrear un mundo imaxinario que sirva como referente, como utopía. Temos que ser quen de imaxinarnos algo máis que o que hai. Non podemos resignarnos con «é o que hai, non hai máis». Hai que ter ilusión. Iso si: tamén as ganas de levar á práctica o que imaxinamos. - ¿Que circunstancias tiveron que darse para publicar a novela neste momento? -A novela comecei a escribila nos meus tempos de universitario, naqueles anos 80 nos que a nosa vila, e outras moitas, estaba sumida nunha carreira cega por ver quen erguía os edificios máis altos e quen enchía máis de cemento as rúas. Tras varios parénteses motivados por razóns laborais, puiden darlle remate no ano 2001. Desde entón limiteime a volver a lela para repasala ben. E cada vez que a miraba, salvo cativos detalles, máis convencido quedaba do traballo feito. Tan só houbo que agardar a darme a coñecer, e dar a coñecer os contidos da novela con outro tipo de publicacións, para decidir publicala. - «O bosque de Nagdor» recrea, precisamente, eses anos setenta e oitenta. ¿Por qué escolleu ese momento da historia? -A novela non é autobiográfica, pero escribo sobre o que me acontece, o que acontece ao meu arredor. E ao longo dos anos 70 e 80 todos puidemos comprobar a terrible desfeita cometida coa nosa vila. Iso fíxome tomar conciencia sobre este tema e comparar a nosa situación, en Bergantiños, coa doutras comarcas galegas; e á súa vez a de Galicia con outros contornos. - E chega ademais nun momento de gran preocupación polo urbanismo. -De novo volvemos a estar ante unha situación bastante delicada. Coas autoestradas e o acceso rápido a zonas como Bergantiños e a Costa da Morte, como A Mariña lucense, o mercado ten sede de solares para enchelos de cemento. Se non tomamos conciencia desta situación de novo o ladrillo volverá a gañarnos a batalla. - ¿Que lle gustaría que lembrara o lector da novela? -Tan só pretendo recuperar unha etapa da nosa historia para tomarmos conciencia dela. Pero non quero reducila só a Carballo. É un problema que nos afecta a todos. Non pretendo xulgar a ninguén, ben me chega coas miñas coitas para meterme nas dos demais. Pero si coido que é necesario ter a valentía de mirar atrás e tirar conclusións. As nosas vilas van seguir medrando e temos que tomar conciencia de que o urbanismo que deseñemos influirá enormemente na nosa calidade de vida. - ¿Seguirá escribindo? ¿Que outros proxectos ten? -De mociño gustábame moito tocar a guitarra. Os do meu tempo ben que o acordarán. Ao ir para Compostela fun cambiando a guitarra pola escritura. Quero seguir escribindo tanto artigos de opinión como novela. Ultimamente estou a prestarlle moita atención ás relacións entre Galicia e Asturies, á comarca Eo-Navia. Teño tamén pendente a tese sobre a saudade. Ten que madurar. ¡Espero que non me leve vinte anos!