A celebración do Corpus revive a primavera na Costa da Morte

C. Abelleira | Xosé Búa CARBALLO | MUXÍA

CARBALLO

Varias localidades conservan o costume das alfombras florais A festa ten tamén un importante compoñente lúdico en vilas como Muxía e Malpica

08 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Non hai unha soa parroquia na Costa da Morte que non renda homenaxe ao Corpus Christi ou Santísimo Sacramento. Pero, malia que o santoral católico di que se celebra o domingo seguinte á Santísima Trindade, hai case tantas datas para esta festa como lugares. Arredor da oficial, no entanto, concéntranse un bo número de conmemoracións que teñen como unha das súas características a capacidade para revivir a primavera. As flores que decoran as rúas, en forma ou non de alfombras, enchen as vilas de cor. . Os veciños de Muxía traballan arreo para engalanar con espadanas e flores as rúas polas que pasará a procesión. A festividade do Corpus Christi celébrase hoxe. Despois da misa, ás 12.00, os devotos iniciarán o percorrido seguindo o traxecto que marcan as flores e facendo paradas nos altares que as confrarías preparan en puntos fixos do pobo. Unha traca de bombas de palenque sinalará o remate da procesión. Unha das particularidades da festa de Muxía é a bendición das augas do mar, unha tradición que, antigamente, cando o Corpus aínda se conmemoraba o xoves, sinalaba a apertura da tempada de baño na praia. Pero o día do Santísimo é día de festa en todo o sentido da palabra. Deste xeito, na sesión vermú actuará a orquestra Astral, que tamén amenizará a verbena. Ademais, pola tarde está previsto un concerto de rock co grupo local Urox e o coruñés Folckólicos. Por suposto, tampouco faltará o espectáculo pirotécnico nocturno. . As festas en Malpica xa empezaron onte, pero por diante queda aínda unha longa fin de semana de actividades. Hoxe, a protagonista volve a ser a música, coa orquestra Miel e Novo Estilo na sesión vermú, e a actuación de Principal na verbena. Coincidindo coas celebracións tamén se levará a cabo no porto unha exhibición de baile tradicional e de salón. A partir das 17.30 actuarán os grupos da Escola Deportiva Municipal do Concello de Cabana, a ANPA Ventorrillo do colexio Milladoiro, o Rancho Folclórico das Mondadeiras das Barrosas (Portugal), e a asociación cultural Malante. As dúas últimas participan nun programa de intercambio que inclúe outras actividades. O Corpus celebrarase mañá. A primeira hora estarán preparadas xa as alfombras elaboradas polas Amas de Casa de Malpica. A misa solemne, cantada pola Coral de Malpica, será á unha da tarde, e despois sairá a procesión. A orquestra Los Príncipes animará os bailes. . A coral polifónica Xan Mella de Baio, fiel á tradición, canta hoxe (13.00 horas) a misa de Corpus na vila zasense. Pereiriña . Na localidade ceense de Pereiriña tamén festexan o Corpus. Hoxe, con pasarrúas co grupo de gaitas de A Baña, tarde de fútbol e música. Na sesión vermú actúa a orquestra Océano, e pola noite, despois dunha churrascada prevista para as nove, seguirá o baile cos grupos folk Fol Baleiro e Os Mallaos de Cee e o popular conxunto Ismael, que promete diversión ata o día. Mañá tocarán Pacífico e América, e a xornada de tarde incluirá, ademais do fútbol, xogos para nenos e pallasos. . Catro días de festa están a vivir os veciños de Paiosaco. Onte houbo concerto rock, e hoxe actúa a orquestra Jocker. Mañá, día grande na honra do Santísimo Sacramento, haberá misa ás 13.30, campionato de futbolín ás 19.00 e verbena coa orquestra Olympus. O luns, último día, estará dedicado ao neno e actuará Panorama. . A festa, que empezou tamén onte, segue hoxe con música de gaitas e a orquestra Fania nos bailes. Mañá actuará o conxunto Xente Nova.