O porto de Razo

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

15 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A POLÉMICA destes días co conto do porto deportivo de Razo -ao mellor foi só cousa do bo tempo- provocou durante a fin de semana máis visitas das habituais a ese enclave tan descoñecido do municipio de Carballo. Porque o vello porto pesqueiro, hoxe refuxio de barcos deportivos, non parece formar parte do mesmo litoral que a praia pola que pasean cada domingo, nada máis asoma a primeira raiola de sol no ceo, centos de persoas, e na que cada verán se apiñan milleiros de veraneantes e veciños ávidos de moreno. Non. Ata o porto só se achegan os vellos mariñeiros, que aproveitan para recordar vellos tempos; pescadores da sétima lista que teñen amarradas alí as súas embarcacións, parellas de noivos, algún grupiño de rapaces como os que conversaban animadamente este domingo pola tarde ou pescadores solitarios que o escollen para lanzar alí as súas cañas. E todos eles se forma moi esporádica e poucas veces coincidente en días e horas. Así que o porto de Razo convértese nun lugar recomendable para quen ande necesitado de tranquilidade. E, de paso, pódese aproveitar para dar un paseo pola ermida ou pola aldea de Santa Mariña, ou mesmo continuar co coche cara o cumio do Monte Neme, que ofrece vistas impresionantes de todo o litoral, dende Malpica ata Ferrol, en días bos. Pero do que se fala estes días non é precisamente de cousas deste tipo, senón de se Carballo necesita un porto deportivo dos que tanto se están a reclamar en todas as vilas costeiras da zona ou se convén preservar o enclave de Razo tal e como está. Segundo a quen se lle pregunte, as repostas poden ser tan diferentes como o día e a noite. En calquera caso, parece que a corporación municipal ten clara a súa aposta polo lado máis turístico, xa que o proxecto do porto deportivo foi aprobado por unanimidade. Pero falta o máis difícil: convencer á Xunta de que hai esa necesidade.