A JUAN GERVASIO PAZ

La Voz

CARBALLO

MANUEL VILAR / MIRO VILLAR IN MEMORIAM

04 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Temos nalgún recuncho das nosas memorias esa lembranza de, sendo nenos, como, de cando en vez, ás nosas casas chegaba unha carta dalgún familiar emigrado en América. Ás veces estas non traían máis que a triste nova da morte dalgún parente que nin siquera coñeciamos fisicamente. Inmediatamente íase falar co crego para que dispusera unha misa e así asentalo na parroquia dos nosos mortos. Hoxe, e gracias ásnovas tecnoloxías, a triste nova que antes tardaba semanas en chegar, a gora faino coa frialdade dos segundos. Fai uns días, con esa frialdade, chegounos a triste nova do falecemento de Juan Gervasio Paz Narbaiz, fillo dun emigrante muxián, o poeta Xervasio Paz Lestón, da estirpe dos Xalleiros de Serantes (Moraime-Muxía). Puidemos coñecer persoalmente a Gervasio hai un par de anos cando se desprazou ata Galicia por mor da publicación do volume A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Estoutro Gervasio, o fillo, sorprendeunos non só pola súa inmensa estatura física, senón tamén pola súa grandeza moral e pola súa erudición intelectual. Estoutro Xalleiro nacera xa na Arxentina o 23 de marzo de 1929, viña de facer pois os 72 anos; médico de profesión, comunista de corazón. Autor de varios libros de ensaio e de tese política (mesmo foi compañeiro de aulas de Ernesto Che Guevara), viña de publicar un libro de relatos que non puido ver distribuído. Como tampouco verá a estatua que a edil de Cultura muxiana prometera para honrar a memoria do seu pai, como o segundo escritor en importancia do Concello, despois de Gonzalo López Abente. Estoutro Xalleiro descubriu a poesía do seu pai e atopouse coa terra dos seus antepasados, en parte, porque nós o acurralamos para pedirlle información. Mais iso foi só nun principio, despois viu que na poesía do pai tamén estaban ideais polos que el loitara e sufrira durante a dictadura dos milicos: o progreso social, a liberdade, os dereitos humanos, a dignidade. Ideais polos que aínda temos que loitar en lugares onde o caciquismo pretende ser a única forma de expresión política. Gervasio chamaba ou escribía -tamén coas novas tecnoloxías- para dicirnos que se tiña que facer algo para que a xente coñecese a poesía do seu pai, pero atopouse cunhas institucións que o único interese que teñen é recoller votos baixo as pedras da miseria da emigración e non toda a memoria que alí temos. Por esa memoria que nos fará máis libres traballou, e traballou arreo o pai polo asociacionismo na emigración bonaerense. Con Gervasio perdemos un chanzo que nos unía a esoutra parte de nós que está ó outro lado do océano, océano que debería unirnos, pero que aínda nos afasta porque non interesa que saibamos quen somos e como fomos. Con Juan Gervasio Paz Narbaiz perdemos todo iso, pero sobre todo perdemos un ser humano leal e xeneroso. MANUEL VILAR, historiador; MIRO VILLAR, poeta