5. Protección do Patrimonio cultural
A protección do Patrimonio Cultural é unha obriga de toda a sociedade, tanto a nivel individual como a nivel colectivo.
A Lei de Protección do Patrimonio Cultural clasifica os bens culturais en tres categorías:
1) Bens declarados. Son aqueles bens que se consideren como bens de interese cultural (BIC), despois do oportuno expediente de declaración. Estes bens gozan da máxima protección.
2) Bens catalogados. Son aqueles bens que figuren no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia despois da tramitación do correspondente expediente.
3)Bens inventariados. Son aqueles bens non incluídos nas categorías anteriores, pero que merecen ser conservados.
6. ¿Está en perigo o Patrimonio Cultural de Galicia?
Sinceramente, penso que algunhas das manifestacións do noso Patrimonio Cultural están en serio perigo e, como non se poña remedio, van desaparecer.
A despoboación do mundo rural fai que algúns núcleos vaian quedando baleiros e abandonados o que provoca que se deterioren as manifestacións culturais que hai neses lugares.
O patrimonio etnográfico é, segundo a miña opinión, o que está máis en perigo. Moitos cruceiros están sendo roubados e outros son destruídos ou deteriorados polas embestidas dos automóbiles. Pero, ademais dos cruceiros e petos de ánimas, hai outros bens patrimoniais: hórreos, pombais, muíños, fornos, caneiros... e outras construcións complementarias das vivendas rurais que están desaparecendo ó non ter función. Por poñer un exemplo, na miña parroquia, San Martiño de Belesar (Vilalba) de case douscentos hórreos que había fai corenta ou cincuenta anos, hoxe en día xa non chegan a cen. O mesmo está a pasar cos muíños. Tamén as fontes están en perigo de moitas delas xa non queda máis que o manancial, desaparecendo os selleiros e os píos de lavar con seus lavadoiros onde as mulleres, ademais de lavar a roupa, tamén (moitas veces) ?lavaban? a sona dos veciños e veciñas. As fontes eran lugar de encontro e lugar onde os mozos lles facían as beiras ás mozas como di, no poema titulado ?Anoitecer?, o poeta chairego Xosé Crecente: Unha nena onde a fonte cun rapas parrafea.
Outro patrimonio en perigo de desaparecer é o patrimonio inmaterial xa que estamos nun momento no que a transmisión oral está rota. Hoxe este patrimonio inmaterial, obra do xenio creador do noso pobo, xa non se transmite como se facía ata hai poucos anos, nas longas noites de inverno, a carón do lume. A televisión fai que nin siquera se fale nas casas. Como non se recollan as lendas, contos, romances, cantigas, refráns, adiviñas, trabalinguas... en vinte ou trinta anos terán desaparecido os posibles transmisores e con eles, esas manifestacións do noso patrimonio inmaterial.
7. Conclusión
O patrimonio cultural galego é unha herencia que todos nós recibimos dos nosos devanceiros, do que temos que disfrutar, pero que temos o inescusable deber de conservar, poñer en valor e transmitir ás xeracións vindeiras. É cousa de todos. Así... que mans á obra.