Os xogos de terra atraen coma un imán á marea dorneira

C. F. / p. c. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Pequenos e maiores puxeron a proba a súa destreza en Coroso

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A praia de Coroso e os seus arredores enchéronse onte, unha vez máis, de dorneiros dispostos a pasalo ben e a deixar os restos nuns xogos de terra especialmente concorridos. Acompañados dun ceo soleado, os peñeiros agardaban o comezo das actividades charlando entre eles e refrescando a gorxa. Coma esta é unha festa para todas as idades, os máis pequenos gozaron tamén da súa dose de protagonismo e tiveron a oportunidade de demostrar a súa valía en xogos tan populares coma o do pano. Á súa vez, os maiores repartíanse entre o aparcadoiro e o merendeiro, para non perder detalle do que acontecía.

Inauguraban a tarde de xogos os que tiñan unha mesa coma protagonista: o tute, o dominó e o póker. E, deseguido, comezou o de tirar da corda con Muxo Betis e Derrape Mental, pero pouco durou o asalto, que se levaron os segundos de maneira abafadora. Ao mesmo tempo, iniciábanse outras actividades, coma a das chapas, organizada por A Tuna Nejra.

O brilé foi un dos máis seguidos. Con seis dorneiros formando equipo para representar ás súas peñas, houbo de todo. Dende xogadoras habilidosas que esquivaban a pelota de forma incrible, ata outros que se deixaron a cara, literalmente, pola súa camiseta. O de pelexar pola vitoria tamén o facían os contrincantes nas carreiras de sacos: máis dun caeu a medio camiño e outros lanzábanse polo aire para poder gañar. Non faltou tampouco o salto á corda, pero non todos os participantes eran capaces de coordinarse e saltar á vez. Aínda así, houbo excepcións nas que conseguiron xuntar a máis de cinco membros baixo a corda e brincar todos acompasados.

Os dorneiros non esgotaron todas as enerxías nos xogos. Había que reservar algunhas, xa que pola noite tocaba ir de bar en bar, cantando.