Clase maxistral de Henrique Monteagudo sobre Carlos Casares

M.X.B.

RIBEIRA

MARCOS CREO

O académico estivo en Ribeira e mañá desembarcará en Noia

25 may 2017 . Actualizado a las 13:04 h.

Máquina constante de ir contando historias. Así cualificou Henrique Monteagudo, o catedrático muradán e secretario da Real Academia Galega, a Carlos Casares, o escritor distinguido polo Día das Letras Galegas. Fíxoo onte pola noite, na conferencia que ofreceu no centro Lustres Rivas de Ribeira. Ao longo de case unha hora, o relator foi evocando os fitos máis significativos da traxectoria vital e creativa de Casares, principiando pola súa infancia en Xinzo de Limia (onde aprende a contar historias), a súa «terrible» experiencia no seminario na que non obstante comezou a cultivar o humorismo que lle sería afín; ou a súa etapa na universidade marcada polas depresións e outras doenzas que só lle permitiron residir en Santiago nos anos 1962-1963 e 1966-1967, pero que malia así lle permitiron participar en acontecementos claves como o recital poético organizado para o primeiro Día das Letras Galegas en 1963 e no número 1 da mítica revista Grial que el despois dirixiría ou, xa en 1967, experimentando o éxito do libro de relatos “Vento ferido” como obra emblemática do rexurdir cultural que se estaba a vivir neses momentos.

Monteagudo continuará mañá mesmo o seu periplo por terras barbancesas. Estará, da man de Barbantia, no IES Virxe do Mar de Noia para presentar a biografía que realizou sobre Carlos Casares. O sábado, desembarcará na fábrica de Sel muradá.