Aurora Marco deulle vida a máis de 400 mulleres anónimas

j.m. Jamardo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

A escritora presentou en Ribeira o seu libro «Elas», no que recompila a biografía de auténticas loitadoras

06 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba contenta. Feliz. Non era para menos. A escritora Aurora Marco presentaba o venres á noite en Ribeira o seu último traballo, e quizais o máis importante, Elas, un volume de luxo no que ademais participan oito artistas galegas con 16 serigrafías realizadas, como a propia obra, a modo de magna homenaxe á muller galega ao longo da historia.

O acto tivo lugar no centro cultural Lustres Rivas, que estaba ateigado de público, e estivo organizado por Xandela Editorial, en colaboración co Concello de Ribeira e a asociación Barbantia.

Foi unha velada agradable e moi agarimosa. O público gozou coas explicacións da autora, que foi debullando con tenrura todo o proceso de recompilación dos datos de centos de mulleres, moitas delas anónimas, que foron moi importantes no desenvolvemento de Galicia.

Moitas gabanzas

A concelleira de Cultura, Fabiola García; o presidente de Barbantia, Xesús Laíño; o alcalde, Manuel Ruiz; e o editor Xosé Manuel Calviño, non repararon en gabanzas para a autora polo seu traballo. O acto contou coa actuación do grupo Barahúnda.

O momento estelar da noite foi a emotiva intervención da escritora. Salientou que procurou atopar mulleres anónimas de diferentes orixes e condicións, aquelas que sempre tiveron dificultades na súa visibilización.

A investigadora comentou que neste traballo fuxiu da idea de dicionario, que xa fixera noutro libro, para sacar á luz figuras menos coñecidas.

Na súa intervención fixo referencia a algunhas mulleres da comarca, a maioría das cales chegaron a ela «pola información oral» procedente de familiares e coñecidos. Aínda que no volume hai máis, Aurora Marco falou da sonense Antonia de La Torre, que morreu no 1969 e que estivo toda a súa vida, 48 anos, de mestra en Fruíme, onde ademais de facer un labor educativo, tamén fixo un gran traballo a nivel social. A escritora comentou que a recompilación de información deste personaxe non lle custou nada pois «o meu home criouse con ela». Tamén falou de Carmen Pérez, unha noiesa que foi a primeira muller armadora e que dirixiu Navales Barcia. Tamén tivo un recordo especial para a ribeirense Xosefa Soto, que viviu case toda a súa vida en Cangas e tivo 18 fillos. O seu principal traballo foi de carpideira nos enterros.

Exposición dos cadros

Ao mesmo tempo que se presentaba o libro inaugurábase a exposición que o acompaña con 38 cadros. Cada un deles dá unha visión da vida e obra das mulleres galegas, e foron realizados polas mesmas artistas que deixaron a súa pegada en Elas. Os traballos poderán verse ata o 26 deste mes de novembro.

Na obra hai un longo percorrido feito por mulleres de diversos estratos sociais que realizaron un importante labor en todos os campos.