Olegario Sampedro: Arte e literatura para axitar conciencias

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

miguel villar< / span>

As intervencións fotográficas de Olegario Sampedro sobre sete autores silenciados e a unidade didáctica creada polo IMER entorno ao tema espertan a curiosidade internacional

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous ingredientes, arte e literatura, bastaron a un grupo de profesores de Ribeira, coordinados por Olegario Sampedro, para levar a cabo una receita coa que axitar conciencias en 75 países. Tiveron unha plataforma privilexiada para chegar a un público tan amplo, o 82.º Congreso do Pen Internacional, que se celebra dende o luns en Ourense.

O proxecto Libertas, conta Sampedro, naceu ao acabar o último congreso do Pen en Quebec, cando decidiron que viñera este ano a Galicia. Sendo que o Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER), unha asociación formada por profesorado mediador de todos os centros de secundaria e formación profesional da capital barbancesa, tiña xa feito algunha colaboración previa co Pen Galicia, propúxoselle participar e aceptaron facelo de forma altruísta.

«Púxenme a ler obras dos sete escritores escollidos, os cales viron todos a súa liberdade de expresión coartada nalgún momento, iso foi o que máis tempo me levou. A proposta redacteina en dúas noites, que é cando mellor traballo», explica Sampedro. El é, ademais, o autor da exposición artística sobre os autores silenciados que se inaugurou hai uns días no marco do congreso, a cal sirve de antesala a unha unidade didáctica na que traballaron outras oito profesoras do IMER, dirixida a traballar nas aulas os dereitos humanos, especialmente o da libre expresión.

Montaxes impactantes

As mordazas postas a Lorca, Ángel Cuadra, Liu Xiaobo, Méndez Ferrín, Jude Dibia, Susana Chávez e Orhan Pamuk serviron de inspiración para o mediador ribeirense, un afeccionado á fotografía, que buscaba neste caso facer un traballo «que non deixase indiferente a ninguén» co que reivindicar a liberdade da palabra. Para iso empregou formatos pouco comúns: o gran formato (algunhas montaxes chegan aos tres metros de altura), botellas, madeiras, unhas caixas que se teñen que abrir... «quería que fose algo impactante e que acabara picando a curiosidade da xente», sinala.

Soubo que cumprira o obxectivo o mesmo día da inauguración, cando se lle achegou unha muller do sueste asiático impresionada: «Dicíame que era impensable no seu país poder facer unha obra de arte sobre unha parella homosexual, falándome da montaxe sobre Dibia, un nixeriano que escribiu unha novela gay e foi acosado e forzado ao exilio».

A exposición, adianta, ten unha vocación itinerante. No Centro Cultural Marcos Valcárcel estará ata mañá, pero «había interese en levala a outros países, porque a arte non ten barreiras idiomáticas», indica o director do IMER, quen espera tamén que chegue ao Lustres Rivas.

Selo ribeirense

Como curiosidade, Sampedro conta que o selo local está moi patente na mostra que espertou interese internacional. «A maioría da xente que sae nas fotos é de Ribeira, incluso os que saen espidos». Ademais, outras 25 rapazas barbancesas prestaron a súa cara para facer o álbum fotográfico en homenaxe a Susana Chávez, xornalista e poetisa que denunciou a matanza sistemática de mulleres en Ciudad Juárez e acabou violada e descortizada, na que Sampedro empregou madeiras que el mesmo recolleu da praia de Coroso.

Chávez é a única muller dos sete autores porque «a proporción é perversa, xa que en moitos casos elas non se poden nin expresar», destaca o mediador e profesor do IES Número Un. Este asegura que «con un só rapaz que vaia á exposición ou faga a unidade didáctica e lle fagan pensar, lle esperten algún tipo de conciencia sobre a liberdade de expresión, dariámonos máis que satisfeitos».

Autoras da parte didáctica. Oito mulleres foron as encargadas de facer a unidade didáctica en varios idiomas, dirixida a traballar co alumnado a partir de terceiro de ESO: Beatriz Paz, Ana Álvarez, Mari Carmen González Acevedo, Cecilia Lois, Pura Prado, Concha Paz, Concha García Rial e Montse Martínez Pampín.