«O maior avance que fixemos foi a tolerancia cero coas drogas»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Foi pioneiro en Santa Uxía na investigación científica e, tras 31 anos, pasa a segunda actividade

23 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Rilo Mato (Touro, 1952) pasou esta semana á segunda fila despois de 43 anos na Policía Nacional, os 31 últimos en Ribeira. O exinspector xefe da comisaría asegura que tivo a sorte de coincidir en Barbanza cunha «fornada marabillosa» de profesionais, cos cales celebra hoxe a súa comida de despedida. «Pedinlles que non me fixeran nada especial, como a un máis», sinala.

?¿Como recorda os seus inicios na comisaría de Ribeira?

?Esta comisaría non existía daquela, estabamos nunha oficina que había encima do Concello. Entrabamos pola porta principal pola mañá e polas noites pechabamos, coma se fósemos os concelleiros. Naquela época eu era o único funcionario que tiña a titulación da Policía Científica, fun o pioneiro en Ribeira, e compaxinábao co traballo da Xudicial.

?Naquel entonces o narcotráfico sacudía Galicia e a comisaría de Ribeira destacou por estar na primeira fronte das operacións antidroga, ¿foron anos difíciles?

?Podo dicir que participei, xunto a algún outro compañeiro que aínda segue, en practicamente todas as operacións que se fixeron en Galicia polos xuíces Bueren e Garzón. Ribeira estivo sempre na primeira liña desa loita e tamén me vou coa satisfacción de ter esclarecidos todos os asasinatos ou homicidios que sucederon na nosa demarcación nestes anos, e foron uns sete ou oito. Non hai un só delito grave que non se resolvera e non foi tampouco mérito meu, senón dos que estivemos aquí, dependeran ou non de min.

?Xa dende fóra, ¿como ve o caso de Diana Quer?

?Ainda que estou en segunda actividade e prefiro non opinar, recoñezo que me houbera encantado investigalo. Evidentemente, a ningún policía lle gusta que sucedan cousas raras, pero cando hai un caso complicado a maior satisfacción é resolvelo.

?¿Cal foi a maior complicación que se atopou nesta comarca?

?Nun pobo coma este o problema é que nos coñecemos todos. As vixilancias había que facelas con moita discreción e nalgún momento tiven que deter a algún amigo, porque era a miña obriga.

?Leva máis de trinta anos velando pola seguridade na zona, ¿en que cambiamos para ben?

?Cando eu cheguei había unha tolerancia grandísima a moitas ilegalidades, coma co contrabando de tabaco. Agora coa droga hai moita máis cooperación. O mellor avance que fixemos foi a tolerancia cero coas drogas.

?¿E onde fomos a peor?

?Non a peor, pero si tiña esperanza en que cando pasara a fornada de xente que atopei aquí enganchada, que era moitísima, baixara a dependencia ás drogas, pero tras ela viñeron outras, e sigue habendo tantos ou máis enganchados, lamentablemente.