«A intención sempre foi atraer á xente nova, ese é o futuro»

Antón Parada

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A sede da entidade ribeirense foi obxecto de varias melloras e a directiva ten máis proxectos en marcha

11 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Antonio Callón González (Ribeira, 1962) se fixo cargo da dirección do Círculo Industrial e Mercantil ribeirense hai cinco anos e medio, esta asociación tiña abandonada boa parte do seu potencial. Hoxe, despois dunha serie de reestruturacións, os 800 metros cadrados dos que dispoñen recibiron unha serie de funcionalidades que se simbolizan nun aumento dos socios. Mais no seu segundo mandato aínda quedan proxectos ambiciosos por materializar e continuar.

¿Cales eran os principais problemas que se atoparon ao tomar as rendas do Mercantil?

Estes entes son un espello da situación que atravesa a sociedade en xeral. Cando chegamos había un pequeno problema coa xestión, xa que dende o 2004 pasamos a ser unha asociación cultural. Non estaba enfocada para a dinamización e a apertura a todos os tipos de persoas. A metade do espazo estaba infrautilizado e tiñamos que ofrecerlle algo aos socios. A intención sempre foi atraer á xente nova, ese é o futuro. Se te deixas ir e non te renovas, desapareces.

¿Que medidas tomaron?

Nos últimos dous anos procedemos á creación dunha ludoteca cun parque infantil e cun mural da man de Eugenia Villaverde, unha sala de cine e de videoxogos cun proxector e cunha consola, así como a minidiscoteca infantil. Ademais, actualizamos a sala de usos múltiples con outro proxector e equipamento de son e a biblioteca converteuse tamén nunha sala de informática.

¿Que actividades alberga esta sala de usos múltiples?

Pois acolle actividades como clases de pilates e xadrez ou celebración de festas de aniversario e reunións. Pero tamén ensaian aquí as cantareiras da Asociación das Amas de Casa ou o coro.

¿Cales foron as novas propostas que se introduciron?

Realzamos o ciclo de conta contos de outono, en colaboración co Concello. Trouxemos a narradores do estilo de Quico Cadaval, Cándido Pazó, Guti de Sanabria, ou a Celso Fernández Sanmartín. Todos os meses temos os bailes temáticos que chamamos Pinchodancing, bailes e concertos de todos os estilos.

¿Lograron darlle saída aos terreos da finca da Devesa?

O ano pasado iniciamos un proxecto de colaboración mediante unha cesión de balde ao Motor Club de Ribeira por un prazo de oito anos. Están a rematar o acondicionamento do terreo para instalar tres pistas: derrapes, trial e carreiras. A idea é posteriormente crear clases para socios ou unha sección. Tamén nos gustaría facer unha sección deportiva de fútbol sala.

¿Houbo reformas importantes?

Despois da substitución das luminarias por luces led, imos cambiar o cartel exterior. Reformaremos a terraza central para ampliala un metro cara dentro, en parte grazas a unha subvención da Deputación. Hai que lembrar que renovamos os televisores e aquí transmítense todos os eventos deportivos. Seguimos tendo mesas de pimpón, billar de carambolas, máquinas de dardos, entre outras. Queremos chegar ao espectro máis amplo do pobo.