«Temos que coordinar a estratexia de cada concello para facer unha común»

RIBEIRA

MARCOS CREO

O novo presidente da institución afronta o seu mandato coa intención de explotar o atractivo do Camiño de Santiago

07 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais do pasado mes, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, fíxose cargo da presidencia da mancomunidade Arousa Norte, despois de que no 2015 fose o rexedor de Boiro, Juan José Dieste, o que ocupase o cargo. Non son tempos doados, a economía dos concellos viviu épocas mellores e no seo de Arousa Norte houbo quen, a pesar diso, tiña clara a necesidade de aumentar a aposta polo colectivo incrementando os fondos que cada Administración local achega á Mancomunidade. Non foi unha decisión fácil de tomar, de feito xerouse certa polémica porque a opinión dos alcaldes estaba dividida. Aínda así, finalmente chegouse a un acordo.

-¿Como afronta o seu ano coma presidente de Arousa Norte?

-É un momento crucial. A modificación dos estatutos que motivou a lei de racionalización centrou as competencias en turismo. A única saída era apostar polo turismo e niso estamos. Eu propoño comezar poñendo os cimentos, porque creo que non se puxeron. Por iso queremos facer un plan estratéxico neste mandato e que os propios concellos aposten independentemente por ese plan conxunto.

-¿Foi difícil convencer a todos os alcaldes da necesidade de aumentar os fondos que achega cada concello ao orzamento?

-Salvagardando a economía e as peculiaridades de cada concello, creo que había que incrementar un 20% as achegas, como así se fixo. É un bo punto de partida. Todos fomos conscientes aínda sendo sabedores de que a situación dos concellos non é a mesma. Para algúns ese sacrificio foi maior que para outros e síntome moi satisfeito de tomar ese acordo e valoro moitísimo o  esforzo que se fixo.

-Aínda despois de facer ese esforzo, ¿é suficiente?

-A parte que se achega á Mancomunidade representa un 20% ou 30% do gasto que facemos os concellos en materia de turismo. Temos tanto que facer nas nosas casas como a través de Arousa Norte e de nada vale coordinar un 20% dos nosos esforzos se deixamos o 80% restante.

-Entón, vostede entende que a palabra clave é coordinación.

-Cando menos, temos que coordinar a estratexia de cada concello para facer unha común. Un exemplo, as probas deportivas que se poden celebrar nunha localidade teñen que ir nun saco común e á hora de ofertar non facelo só do lugar onde se celebra, hai que ofertar comarca e non caer na tentación de querer ir cada un por libre porque o que teríamos entón sería unha oferta mediocre. Pódese converter un feito illado, como unha festa puntual, nunha oferta conxunta. Creo que esta posibilidade se desperdiciou ata o de agora.

-Dende xa semella que van facer unha forte aposta por explotar tamén o Camiño de Santiago.

-A nosa comarca estase quedando fóra do fenómeno xacobeo, cando isto existe porque as rías serviron de paso ao Apóstolo. Non se pode esquecer tampouco o camiño por terra, porque por onde hai peregrinos hai camiño e aquí existen vestixios que confirman o seu paso. Temos que poñer en valor tanto a ruta mariña como a terrestre.

-¿Xa teñen informacións ao respecto para sustentar o proxecto?

-Algún historiador do Barbanza xa aportou datos e agora temos que facer un traballo definitivo para entrar na materia.

-¿Faise isto tamén para atraer turistas da capital de Galicia?

-A miña teoría é que a autovía ten os mesmos carrís para ir que para vir. Todo o ano Santiago está a 30 minutos e temos que ter un paquete atractivo para a xente que visita a cidade co que conseguir atraelos a Barbanza. O turismo estacional de verán xa ten a súa oferta e pódese potenciar o de fóra de temporada, xa que dispoñemos de moitos cámpings cos que poder explotar o turismo de natureza.

-Natureza e gastronomía, ¿son as dúas grandes bazas?

-Hai dúas razóns polas que a xente vén a Galicia, e son a natureza e a gastronomía. As mellores mesas e padais de España gozan de produtos da nosa zona. Aínda así, se fas unha enquisa de cal é a capital galega do turismo neste sentido non sairía ningunha lonxa de Arousa norte. O esforzo para logralo ten que vir tanto do sector público como do privado, non vale con facer unha festa do percebe, do mexillón ou da xouba, teñen que estar dispoñibles, a poder ser, todo o ano nos nosos establecementos. Non lle podemos fallar aos visitantes. Neste sentido considero que non o estamos a facer ben. Por parte do eido público non se apostou o suficiente como se fixo noutros lados e o sector privado ten que dar un impulso maior.

-Ao comezo falaba de que por motivos lexislativos a Mancomunidade tivo que centrar os seus esforzos no turismo. ¿Que pasou co resto dos servizos?

-Nese apartado foi un fracaso rotundo. Colabórase en materia de incendios e turismo, no resto dos casos que xulgue a xente o que pasou. Incluso existe unha plataforma que foi premiada pola Xunta para poñer en común recursos como carpas, vaias ou cadeiras que non se utiliza. Non houbo esa implicación. Cada concello apostou polo seu modelo de xestión propia, préstanse os mesmos servizos pero por separado. Habería que mirar e observar a outras mancomunidades, como a do Salnés, que obtén fondos por exemplo do consumo de auga. Aquí o único fondo propio son as achegas e chéganos para pór en funcionamento a xerencia e cumprir coa nosa parte no convenio firmado coa Xunta.

-Iso soou un pouco pesimista, ¿ten futuro Arousa Norte?

-O futuro é ver resultados e para iso hai que facer as bases dunha estratexia que supere a anualidade. Os resultados son o que fan crecer, comprobar a eficiencia das achegas. Somos máis fortes xuntos que por separado.