Coleccionista de tesouros ocultos na liberdade

Antón Parada

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O ribeirense publicará proximamente o seu descubrimento dunha nova especie da flora a nivel mundial

07 feb 2016 . Actualizado a las 05:15 h.

No patio de recreo do colexio Bayón, un neno de mirada soñadora prestaba gran atención aos chíos dos paxaros no monte anexo. «O seu fillo non vai para estudante, é un trasno», díxolle o director a súa nai, extraéndoo daquela ambición alada. Algo que condicionou a decisión daquel rapaz de matricularse nunha FP de electricidade, especializándose en cálculo de liñas eléctricas. Pero Ignacio González Martínez (Ribeira, 1975) sempre pertencerá a esa escasa clase de persoas que prefiren, como pedestal dun ave, unha viva póla a un inerte cable.

O plan educativo antigo, antes da existencia dos ciclos actuais, permitíalle acceder ao remate do quinto ano no último curso de COU. Contra os vaticinios académicos previos, aprobou con nota e repetiu esas cualificacións no exame de acceso á universidade. Corría o ano 1994 e aquel electricista matriculábase en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

As flores do campus

No 2001 licénciase vinculándose ao Departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía. Ignacio González optaba entón ao diploma de Estudos Avanzados polo que realizaría un traballo de investigación tutelado: «Tratou sobre a biomonitorización de metais pesados usando pequenos mamíferos para comparar o nivel de contaminación dos seus órganos».

Tras tomar mostras de diversos ecosistemas naturais alterados, como o entorno de As Pontes de García Rodríguez, detectaron fallos hepáticos en ratos, probándose a hipótese inicial. O éxito daquel proxecto abríalle as portas a unha beca de formación de profesorado de catro anos, que rematou por converterse, no 2007, no seu primeiro contrato laboral como técnico medioambiental nunha empresa privada coruñesa.

«Facía funcións como a valoración e custodia de recursos naturais ou a elaboración de informes de impactos ambientais», explica González. Pero estalou a crise económica e eses temas pasaron a ser secundarios. Así que a mediados do 2008 retornou de cheo á elaboración da tese de doutoramento, con base no primeiro estudo sobre os roedores.

Dous anos máis tarde, aquel «trasno» alcanzaba un sobresaínte cum laude e era nomeado doutor en Bioloxía. A partir de entón o experto recuperou unha das súas primeiras inquedanzas, que hoxe está xa en fase de redacción: «Quería inventariar todos os taxons da flora das mil hectáreas do parque natural do complexo dunar de Corrubedo e das lagoas de Carregal e Vixán».

A obra inmediatamente anterior, datada no 1986, catalogaba só 237 exemplares de dous escenarios: as marismas e as dunas. Ignacio González propúxose engadir o entorno restante e durante catro anos en comuñón  coa natureza recompilou información que aumentou un pouco aquel número. A cifra pasou a ser un millar.

O exército de Gaia

A publicación dese catálogo en formato libro, segundo as súas estimacións tras comprobar as citas máis recentes, podería acrecentar o total a nivel galego de 2.500 a 2.700 variedades. Sen embargo, o seu legado para a ciencia non remata aí. A través de medios universitarios especializados como Botánica complutensis ou Acta botánica malacitana, González ven de comunicar a presenza na comarca do Barbanza de 30 novos taxons para o territorio galego. Catro deles para a península ibérica e dous para todo o Estado español.

Pero o maior orgullo deste biólogo é o de poder anunciar que está moi cerca de presentar o descubrimento dunha especie non coñecida pola ciencia a nivel mundial: «Dentro da flora vascular é relativamente complicado describir algo novo, se o comparamos con outros ámbitos menos explorados como o dos animais mariños das profundidades». A investigación é en colaboración co departamento de Botánica da facultade de Farmacia da USC.

Pese á construción deste relato de méritos eruditos, Ignacio González mantén o espírito combativo do que foi un dos militantes máis activos do Colectivo Ecoloxista Naturalista Raposo (Cenar). Xunta os seus compañeiros opuxeron resistencia ao Plan Forestal de 1995, mentres facían actos como recoller lixo en zonas protexidas, para exhibilo na cidade sobre expositores. Pero xa se sabe da rebeldía dos que portan miradas soñadoras.

Revistas científicas: 

González colabora con frecuencia nas publicacións de universidades como a Complutense de Madrid (Botánica complutensis), a de Málaga (Acta botánica malacitana) e a de Santiago de Compostela (Nova acta científica compostelana).

Experto botánico: 

Nos últimos catro anos engadiu preto de 1.000 especies ao herbario Sant da USC. Dirixe a páxina web e o Facebook do proxecto Vai de flora, á que se pode acceder introducindo o nome no buscador da red social.