«Intentamos ser un aire novo a todo metal que se respira»

antón parada / a. g.

RIBEIRA

MARCOS CREO

A banda de heavy metal Asfire asalta os escenarios para resucitar este xéneromusical en Barbanza

20 ago 2015 . Actualizado a las 21:20 h.

«Intentamos ser un aire novo a todo o metal que se respira», estas palabras de Jose Antonio Rey Pérez, Juzu, buscaban describir o que quere aportar o conxunto de heavy metal Asfire ao panorama musical da zona, ata que Daniel Pérez Martís o cortou cun: «Metal, metal e máis metal». Pois ao inferno os prolegómenos.

Cantante e guitarrista, respectivamente, integran o grupo que completa un selecto equipo de ese tipo de músicos que tocaron en moitas bandas, pero sempre sen fabricar o son co que realmente soñaban. As mans recrutadas pertencen a: Fernando Chouza Blanco, o baixista coñecido como Chousa, o guitarrista Iván Vilas Chouza e o batería David García Gómez, alias Difet.

«Nestes últimos anos proliferaron moitos grupos de punk e indie, pero deste xénero non nacía ningún», explicou Daniel Martís do proxecto destes cinco mozos, que xurdiu a comezos do 2015, mediante varias noites de festa ao abrigo do popularmente coñecido como «callejón do Malta». E xa levan sete directos ao lombo.

Os engrenaxes desta maquinaria pesada chamada Asfire están engraxados cos vatios de Iron Maiden, Metallica e Megadeath, non obstante xa lle demostraron ao público que os temas da súa patente teñen potencial: «Tocando en San Xoán levámonos unha alegría, cando ao preguntar que bis pedían tratábase da nosa canción», afirmou Jose Antonio Rey.

Estes metaleiros ensaian e forxan a munición sonora na casa de David García, onde impera a auto produción. Xa que cada euro gañado destínase á compra de equipo e á futura maqueta, que pensan gravar eles mesmos para darse a coñecer fóra da comarca, como xa fixeron en Pontevedra no Tronko Bar, xunto a Lizard Crash e a Belfastt. «Excepto un día que nos quentamos e pedimos cubatas», anotou Martís.

Conquistar Asgard

«A nosa meta é chegar a tocar no Resurrection Fest algún día, que non é pouco», confesou o guitarrista ribeirense, mais son conscientes de que todos os grupos teñen orixes humildes. O seguinte chanzo da escaleira pasará pola Sala Real en Aguiño, onde teñen programado un concerto para o vindeiro día 28 á noitiña. 

Para tal obxectivo, Asfire apóiase nas composicións de Daniel Martís e Iván Vilas, posteriormente arranxadas polo resto. A lírica, lonxe de perderse na masa de etiquetas, esconde dobres sentidos á vez que respecta os esquemas clásicos. Apaixonado da cultura nórdica e a mitoloxía vikinga, Juzu é o autor das letras que prefire descontextualizar para que o oínte as interprete.

«Ripper of souls fala dunha guerra que podería ser calquera, Titans Fall do asalto a Asgard que é unha metáfora sobre coñecer os teus límites», desvelou a voz do grupo aspirante ao Valhalla.