Un monumento eleva o peso que ten en Aguiño o percebe

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Ángel Sampedro, o que fora patrón maior cando se construíu a lonxa, foi distinguido a título póstumo na apertura da festa

26 jul 2015 . Actualizado a las 09:44 h.

O percebe é unha das especies máis destacadas de todas as que chegan á lonxa de Aguiño. Da súa captura e posterior venta dependen, polo menos ao longo de parte do ano, os salarios dun número importante de veciños. Pero onte, este crustáceo viu elevado o seu protagonismo na localidade ao descubrirse o enorme monumento realizado por Gonzalo Sarasquete. 

A inauguración da escultura, formada por catro crustáceos de gran tamaño, realizados en pedra sintética de cor branca, marcou o arranque dunha nova edición, a número 19, da Festa do Percebe. Despois de que os veciños e visitantes que se deron cita na zona portuaria da vila comprobaran a envergadura do monumento, duns catro metros de altura, as miradas dirixíronse cara o fillo de Ángel Sampedro, o que foi patrón maior da confraría local cando, nos anos sesenta, se construíu a lonxa. El recibiu a distinción de Percebeiro de Honra, en sinal de agradecemento ao traballo realizado polo seu proxenitor a prol do sector mariñeiro da localidade.

Pero aínda quedaba un paso máis antes de que na tapería instalada no peirao empezaran a rodar os prato de marisco. Tratábase do pregón que daría o pistoletazo de saída oficial á exaltación gastronómica. Correu a cargo da actriz ribeirense Susana Rodríguez, que se referiu aos lazos que a unen con Aguiño, onde seus pais, Erolo e Ana Sampedro, exerceron de mestres. O agasallo foi para ela unha réplica do faro de Corrubedo.

Entre acto e acto oficial, o rexedor ribeirense, Manuel Ruíz, e o patrón maior, José Antonio Santamaría, dirixíronse aos presentes para exaltar a festa, o percebe e o novo monumento.

Cita ás 12.00 horas

Aínda que houbo quen xa onte catou o crustáceo máis prezado de Aguiño, mentres outros se decantaban por manxares como as navallas ou as ameixas, o día grande neste pobo mariñeiro será hoxe. Confraría e Concello de Ribeira confían en esgotar as dúas mil racións de crustáceo que a partir das 12.00 horas se empezarán a servir na carpa instalada na zona portuaria.

A degustación estará precedida dun novo acto institucional, ao que está previsto que acuda a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana. A partir de entón, os presentes poderán facerse coa súa ración de percebes ao prezo de 14 euros.

Para que o xantar sexa máis ameno, o grupo de música tradicional Ar de Loureda desembarcará na zona. Tamén haberá un espazo de lecer para os máis pequenos da casa.