«O único que desexamos é comezar a nosa vida de cero»

RIBEIRA

MARCOS CREO

Rocío Argibay e José Villaverde aseguran que viven nun pesadelo dende que o marido enfermou de cancro de gorxa

07 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise caracterizouse pola súa inclemencia. Non entendeu os problemas da xente, tampouco as enfermidades, e moito menos tivo un segundo para perdoar ás familias. Miles de persoas foron obrigadas a abandonar as súas casas e millóns tiveron que deixar o seu traballo. Dende que estoupou a burbulla, Rocío Argibay e José Villaverde aseguran vivir nun auténtico inferno. Eles foron parte dos damnificados do gran colapso.

«O único que desexamos é comezar a nosa vida de cero», asegura a muller coa voz cortada e cos ollos vidrosos. Operada dúas veces da columna vertebral, padece unha depresión que a mantén presa dos medicamentos para combatela. «Non sei que vou facer cando o médico me quite as pastillas, se non me tomo unha a primeira hora da mañá non son capaz de levantarme da cama».

Operado de cancro de garganta, o seu marido leva prostrado no sofá dende que enfermou. A súa muller asegura que non pode deixalo só: «Teño que estar pendente del, non podo irme». Obrigado a comer a través dunha botella, a súa vida transcorre nas catro paredes do piso social que lles outorgou a Xunta.

«Vivimos coa paga que recibe o meu marido, oitocentos euros ao mes para nós e os nosos dous rapaces pequenos». Os problemas económicos comezaron fai anos. «Tiven que pedir un préstamo para comprar un coche, necesitábao para levar ao meu marido a radioterapia ata Santiago». Ao pouco tempo o automóbil rompeu, pero a débeda do préstamo non se foi con el. Nese momento decidiu comprar outro e optou por un de quilómetro cero: «Necesitábao para levar ao meu marido, no foi un luxo, era cuestión da súa saúde». Ese préstamo pesa como unha lousa na economía familiar. O matrimonio non pode traballar polas súas enfermidades e o seu rapaz maior, «só o chaman da lonxa de vez en cando».

Caixa de alimentos

Rocío Argibay asegura que pediu axuda aos Servizos Sociais de Ribeira. Residen nas vivendas sociais que hai en Ribeira, pero defende que o seu salario non lle dá para facerse cargo do aluguer. En Nadal quitáronlle a caixa de alimentos que recibía na casa por adebedar nestes pagos: «Teño que satisfacer a letra do préstamo, a luz, a auga, a comida. Oitocentos euros non chegan para todo».

Pídelle axuda a Servizos Sociais para ter de novo a caixa cos alimentos . «Necesitamos comezar de cero, así non podemos seguir vivindo máis tempo».

Stop Desafiuzamentos, 150 casos con éxito

A plataforma Stop Desafiuzamentos Barbanza converteuse nun dos poucos colectivos que pelexaron trala crise a favor de las familias. José Manuel Pena é o membro dunha asociación que naceu en marzo de 2012 para axudar a persoas que estaban a piques de perder o seu teito.

Pena asegura que nos últimos anos xestionaron máis de 150 casos, todos resoltos con éxito. Nalgúns casos conseguiron alugueiros sociais, noutros condonacións de débeda, aínda que o máis importante «é que todos lograron o seu obxectivo: non perder as casas». Pena confesa que aínda reciben a novas familias: «A diferenza está en que cando empezamos recibíamos a dúas ou tres familias cada dous días. Agora o normal é unha por semana».

Boa sintonía

A plataforma mostra orgullosa de que nos tres anos que leva traballando, Barbanza no vivise ningún desafiuzamento. Pena defende que «temos unha boa sintonía coas entidades bancarias, ata o momento sempre chegamos a acordos con elas». Actualmente están inmersos en 35 casos máis. «Queremos ir pechando estes conflitos».

A crítica da asociación mira cara a xestión política. «Son necesarios menos alumeados e máis apoio ás familias», defende Pena. «Esperemos que as últimas medidas que propuxo a Xunta se cumpran. Non sei porque se demoraron tanto. Espero que non queden en papel mollado».