«A creatividade é útil para todas as ramas de estudo»

M. j. Piñeiro / m.x.b.

RIBEIRA

A creadora ribeirense amosa estes días os seus traballos na galería O Faiado da cidade.
A creadora ribeirense amosa estes días os seus traballos na galería O Faiado da cidade. piñeiro< / span>

A artista ten esperanza no futuro da profesión dentro da bisbarra, pero considera que aínda queda moito por facer

07 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Con pinceladas de viveza e ilusión, Lucía Romaní, de 34 anos de idade, contaxia o súa paixón pola pintura a través das súas creacións e a súa docencia aos máis cativos. Esta ribeirense asentada en Vigo imparte clases de plástica e pintura na cidade pontevedresa e actualmente expón a súa mostra artística De esta y otras naturalezas no Faiado.

-¿De onde nace o seu interese pola arte?

-Desde pequena sempre tiven moito interese pola plástica, traballaba moito coa cor. Con 14 anos xa tiña claro que quería dedicarme ao mundo da arte e, grazas ao apoio da miña familia, puiden lograr esta meta.

-¿Como se sobrevive neste mundo?

-É un mundo complicado. A arte sempre estivo marxinada e moi pouco valorada. Durante séculos considerouse unha carreira de fondo e a día de hoxe aínda sigue existindo esta concepción. Dedicarse a esta profesión era un suicidio. Calquera que opte por este camiño sabe que non vai ser unha tarefa doada.

-¿Como se lle presentou o mundo laboral ao rematar a carreira Belas Artes?

-Ao acabar a carreira escollín o campo da investigación e fixen un doutorado. Fai un ano e medio retomei o ámbito pictórico e comecei a crear, pero son consciente de que a idea de vivir do meu pincel é inviable. Polo tanto, compaxino esta ocupación coa docencia e a realización de conferencias e talleres.

-¿Como foi traballar cos máis cativos no taller de arte e ecoloxía da Fundación Sales?

-Moi gratificante e enriquecedora. A imaxinación dos nenos voa, polo que supuxo un proceso de retroalimentación, sempre se aprende de iniciativas colectivas como esta. A creatividade é necesaria para todas as ramas de estudo, desde unha enxeñería á socioloxía. O caso é que, por exemplo, a un profesor de primaria non se lle esixe estar licenciado en Belas Artes para impartir clase. A nivel educativo hai moitas trabas que poñen freo ao campo artístico e ao desenrolo dos nenos nesta área.

-¿En que se baseou para realizar a mostra artística De esta y otras naturalezas?

-É un traballo moi delicado a lapis e carbón con acrílico. A idea non é plasmar a natureza tal e como a vemos na realidade, senón a de combinar elementos surrealistas e persoais con elementos extraídos do mundo animal e vexetal. É un proceso de interiorización que implica unha observación detida dos obxectos en cuestión, polo que requiriu horas de traballo.

-¿Na bisbarra hai sitio para artistas que buscan desenvolverse profesionalmente?

-Con respecto a fai sete anos, a situación mellorou bastante. Noto diferenzas que me fan pensar que hai esperanza no sector. Un exemplo disto é o xurdimento de establecementos, como Rei Zentolo ou O faiado, que apoian a artistas locais mediante a concesión de espazo para expoñer e comercializar obras. Ademais, hai un rebulir de xente que demanda unha maior oferta de eventos e talleres artísticos o que, sen dúbida, é un dato moi positivo. Vamos por bo camiño, pero aínda queda moito por facer.

Lucía Romaní Artista

«Calquera que opte por este camiño sabe que non vai ser unha tarefa doada»

«Hai un rebulir

de xente que demanda unha maior oferta de talleres artísticos»