Os veciños de Palmeira cubriron as rúas de alfombras florais para honrar ao Santísimo

RIBEIRA

Elaboráronse catro alfombras, unha por barrio, que ían dende os 50 ata case os 300 metros de lonxitude

06 jul 2015 . Actualizado a las 14:22 h.

Palmeira volveu render a súa homenaxe ao Santísimo e, un ano máis, as rúas da parroquia foron engalanadas con alfombras florais. Dende ben temperán, os artistas comezaron a traballar nos debuxos para que despois se puideran dispor as flores. Na xornada de onte, como indicaron dende a organización, o vento fixo que houbese que regar os pétalos para que non saíran voando, o que afectou ao colorido das alfombras, xa que tamén están adornadas con sal pintada e a auga fai que a cor se esvaeza.

Como marca a tradición, estes traballados tapices non poden ser tocados por ninguén ata que os cruza o Santísimo. Iso ocorreu contra as 19.30 horas, cando unha vez finalizou a misa a imaxe saíu da igrexa para percorrer a localidade, deténdose unicamente ao chegar a Altares, onde se efectuaron os tradicionais cánticos. En total, catro foron as alfombras que se realizaron, una por barrio, nas que «participou todo Palmeira», afirmaron os organizadores. Entre estas auténticas obras de arte houbo variedade, dende a que medía 50 metros ata a que practicamente chegaba aos 300.

Aínda que a procesión foi o acto central houbo máis actividades durante o día que lograron concentrar a un bo número de veciños e tamén de visitantes. As dianas e as alboradas correron a cargo dos grupos Arume, A Gandaina, O Pichote e O Rueiro. Despois a Banda de Música Adagio Cantábille da Coruña ofreceu un recital na praza José Fernández antes de que comezara a misa das 13.00 horas, na que cantou a Coral Polifónica Municipal de Ribeira.

Recuperar a tradición

Tradicionalmente os encargados de engalanar Palmeira con alfombras florais eran os matrimonios que cumprían as súas vodas de ouro. O pasado ano, ante a escaseza de parellas que chegaran tan lonxe, un grupo de mulleres decidiu tomar as rendas da organización do festexo polo temor a que puidera deixar de celebrarse.

Maricarmen Vizcaya, concelleira de Educación e Servizos Sociais no pasado mandato, foi unha desas mulleres e agora di que non se arrepinte: «Xuntámonos un grupo ao ver que non había parellas que fixeran as alfombras e a cousa saíu moi ben, de feito cada vez somos máis. Este é o día grande da parroquia, a festa máis importante, e a xente está entusiasmada».