Un oficio que se resiste a morrer

María Piñeiro / A. G. RIBEIRA/ LA VOZ

RIBEIRA

As redeiras Berta Paz e Montse Reiriz, nai e filla, cumpren coa reparación de redes en pleno porto de Aguiño.
As redeiras Berta Paz e Montse Reiriz, nai e filla, cumpren coa reparación de redes en pleno porto de Aguiño. carmela queijeiro< / span>

A falta de relevo xeracional é un dos perigos que ameazan o traballo de redeira

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O aire recende a marusía e mesmo se pode saborear o vento salpreso tan característico dos pobos de mar. No porto pesqueiro de Aguiño, fiel escenario das rutinas mariñeiras, desempéñanse traballos de mar que engrosan a historia das variopintas tradicións galegas.

Xusto en fronte do peirao, nun dos locais destinados ó labor de atar, un grupo de mulleres conversa animadamente aínda que os seus ollos non se despegan das mallas e agullas que teñen entre as mans.

Elas son as protagonistas dun dos oficio mariñeiros máis antigos e unha das imaxes máis buscadas. Desenvolven o centenario cargo de reparar as redes e aparellos de pesca. Elas son as redeiras, tamén chamadas atadoras, mulleres de mans lixeiras que poñen a punto as redes.

As caras do peirao

Berta Paz empezou con 14 anos e ten máis de vinte de experiencia ás súas costas. Ensinoulle todo o que sabe sobre esta arte da confección á súa filla Montse. «A miña filla é moito máis rápida ca min e leva menos tempo traballando», manifesta a veterana redeira. Como nai e profesional neste sector, preocúpase polo futuro da profesión. «Cambiou moito a nosa situación. Antes había moitas máis redeiras e máis novas porque tamén había máis embarcacións en Aguiño. Fai trinta anos un barco tiña á súa disposición un grupo de sete ou oito mulleres, hoxe en día adoita contar con dúas. Acumúlase moito choio e non damos para tanto», sentencia.

Montse Reiriz, de 27 anos de idade, é a atadora máis moza de Aguiño. Iniciouse neste mundo con 16 anos e a día de hoxe é das máis áxiles da parroquia. Durante anos estivo alternando os seus estudos co oficio de confeccionar redes, polo que houbo épocas nas que non pisaba o peirao. Unha vez acabado o ciclo medio de administrativo, o seu amor e entusiasmo pola agulla e o fío impediron distanciala do porto. «É un oficio moi bonito e gratificante, aínda que moi pouco recoñecido e valorado polas autoridades. Ás veces notamos que non se estima como debería. Se se fomentase plenamente, seguro que os máis mozos terían maior interese por este oficio». Esta moza atadora tamén lle dá as grazas á súa nai por introducila nesta arte que supuxo para ela un medio de vida.

As condicións laborais

«Eu teño chorado moito, porque me doían as pernas dunha maneira inimaxinable. Sufrimos desde dores de costas a infeccións de urina», revela Berta.

As duras condicións laborais deixaron pegada nestas mulleres. Ata fai apenas 10 anos traballaban á intemperie e sentadas no chan, polo que estaban continuamente expostas á humidade e ás inclemencias do tempo.

Segundo datos aportados polo Instituto de Seguridade e Saúde da Xunta de Galicia, os danos profesionais máis comúns entre as atadoras son os denominados trastornos músculo-esqueléticos, orixinados como consecuencia da carga física asociada á adopción de posturas forzadas, a tarefas moi repetitivas, á manipulación de cargas e á aplicación de forzas.

Reiriz agradece que polo menos agora gocen «dun teito no que poder refuxiarse». Aínda que houbo grandes melloras nas condicións con respecto ao pasado, as atadoras seguen estando sempre a pé de porto, faga frío, chuvia ou sol e a artrose é unha doenza moi común entre elas, ademais de problemas de costas e nas mans. Montse recoñece que a día de hoxe aínda sofre de cando en vez «fortes dores musculares».

Sector ameazado

Berta Paz incide en que as medidas da Xunta, como a obrigación de realizar cursos de formación para poder exercer profesionalmente, non favorecen a que haxa unha maior incorporación de traballadores no sector. En opinión desta veterana, «un simple curso de dous meses non serve para nada, a redeira fórmase a golpe de práctica no peirao». Ademais, continúa dicindo que «aínda que quixera formar a unha persoa, agora teño que pagar á seguridade social por ese aprendiz, polo que todo son trabas para o sector».

Montse Reiriz é o símbolo da esperanza na mocidade e do seu interese por este oficio, unha actividade artesanal que está en perigo se as xeracións máis mozas non collen o relevo.

As redeiras buscan proxectarse no futuro sen esquecer as ensinanzas do pasado.

Unha mirada cara o futuro

«Un simple curso de dous meses non serve para nada, a redeira fórmase a golpe de práctica no peirao»

Berta Paz

«É un labor moi bonito e gratificante aínda que moi pouco recoñecido e valorado polas autoridades»

Montse Reiriz