«Non se pode cambiar a feitura dos percebes para darlles forma de nécoras»

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Responde ás críticas e montaxes propagados pola Rede ao coñecerse a súa proposta para o monumento de Aguiño

30 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de convocar o concurso correspondente, o Concello acordou en xaneiro encargarlle a Gonzalo Sarasquete a elaboración dunha escultura que servira para renderlle homenaxe ao percebe. O artista afincado en Mallorca leva un mes en Aguiño, ás espera de que se adecúe o lugar no que se instalará a súa obra. Xa ten os moldes listos para actuar.

-¿Tivo clara desde un principio a súa proposta para o certame da escultura ao percebe?

-Non, eu quería presentar un proxecto distinto, pero as bases do concurso impedíronme achegar unha idea de máis impacto e de máis longo recorrido. 

-¿En que se baseou á hora de elaborar a súa creación?

-Primeiro, eu quería unha homenaxe oculta á xente que se enfrontou ao chapapote do Prestige, por iso os percebes son brancos. Despois está a cuestión do tamaño, moi grandes por aquilo de representar o esforzo de intervir no espazo de forma definitiva, unha relación co megalitismo, os menhires, os crómlechs...

-¿Que pretende transmitir?

-Interésame a este respecto a seguinte pregunta: ¿Que pensarán dentro de moitos anos os que se atopen con isto? Pensarán que no pasado houbo habitantes desta terra que lle renderon unha homenaxe a unha especie que lles deu de comer, ou se cadra dirán que foron homes aguerridos que respectaban o medio ambiente, como así foi realmente e así demostraron ser os veciños e veciñas de Aguiño. 

-É consciente da dificultade de satisfacer a todo o mundo, ¿ten medo ás críticas?

-Polo o que escoito por aí, o que me critican é o seguinte: a forma fálica, que son brancos e que non veñen en piñoca. Á primeira crítica contesto que non se pode cambiar a feitura dos percebes e darlles unha forma de nécora. Sobre o segundo, xa o comentei. É unha homenaxe ao mar limpo e ás xentes que co seu esforzo limparon as praias e a costa. Ademais, é un material pouco usado, seméllase ao mármore branco. Para rematar, non se poden facer catro percebes de 6.000 quilos in situ e en condicións de arrimalos todos xuntos e inclinalos en piñoca. Con todo, dado que moitos coñecidos comentáronme esa característica dos percebes de Aguiño, decidín xuntalos e atender a esta petición concreta dentro das posibilidades técnicas da proposta. Agora teño outras preocupacións como as datas de entrega ou que o Concello faga a zapata para que poida eu cumprir cos prazos. 

-De feito, a forma da escultura xa deu lugar a algunha que outra montaxe en Internet...

-Calquera escultura pode ser vítima dos que manexan medianamente o Fotoshop. As esculturas están sempre desprotexidas, non se poden defender. Unha vez feitas e instaladas, o único que se pode facer é aplicar pintura verniz anti-pintadas. 

-¿Cando será a inauguración?

-Eu levo en Ribeira dende o 28 de maio para comezar a instalación e aínda non se puxeron os cimentos. É un encargo co que non estou contento, sobre todo a parte da instalación. Algúns escultores en situacións semellantes definen estes traballos como proxectos alimenticios.

-Desenvolveu boa parte do seu traballo fóra de Ribeira, ¿pode marcar esta obra o regreso?

-Eu comecei aquí e despois en Salamanca, onde estudei e alí teño algunha escultura pública para a que me deron moita liberdade, e despois pasei a Madrid para traballar en varias galerías e un desafortunado accidente levoume a Mallorca. Casei, fixen unha familia, dediqueime ao ensino e logo regresei á escultura. Volver definitivamente a Ribeira é moi difícil, pero ter aquí un taller-obradoiro e vir temporadas a traballar, si que é posible.

-¿En qué outros proxectos está?

-Cando dixen antes o de proxecto alimenticio, era por diferencialo do que vou inaugurar o día 14 en Santiago, no Museo do Pobo Galego. Toda unha exposición de escultura abstracta, feita en lousa do Barco de Valdeorras, na que o tema principal é un homenaxe á influencia na miña obra do barroco compostelán. A mostra titularase Débedas e préstamos.

Gonzalo Sarasquete: escultor