Inspiración no mar de Ribeira

La Voz

RIBEIRA

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Harguindey Vidal (Ribeira, 1968) lembra os mellores momentos da infancia xogando cos amigos no porto e na praia, nos barcos que varaban onde está hoxe o parque García Bayón. Aquela liberdade, o mar, os peixes, van saíndo agora na súa obra, que expresa os sentimentos dun xeito particular. É no instituto onde se fixa nas distintas técnicas que empregan os profesores para facer a súa obra e anímase a coller os pinceis.

Estuda deseño gráfico na Coruña, pero a súa curiosidade lévao a tocar outros paus: escultura, pintura, audiovisual. Unha vez quixo fotografar uns peixes tirados no peirao e un vixiante non llo permitiu, pero si lle deixou levalos á casa. Empeza así as súas composicións con peixes. Presenta o Relicario de incongruencias atlánticas, que acada moito éxito no Aquarium Finisterrae. Ten participado en exposicións fotográficas en cidades españolas e no estranxeiro, dende Barcelona a Tokío. Recibiu premios de pintura, deseño ou fotografía, e as súas obras audiovisuais foron seleccionadas para varios certames internacionais.

Está agora embebido en obras de carácter tecnolóxico, que esixen unha continua formación. Este soporte permítelle xerar eventos audiovisuais en directo, con marcado carácter experimental, cos que obtén ritmos e atmosferas que poden oscilar sen previo aviso e sen atender a composicións previas, dende o caos máis absoluto a marcados patróns rítmicos. É esta unha obra que realiza dun xeito lúdico e despoxado de complexos perfeccionistas, formais ou académicos. Son pezas creadas en tempo real, a mercé do azar, que requiren moito esforzo e tempo de preparación.

Como traballo segue a facer deseño, e xestión de datos e optimización.

Confésase visitante habitual de museos e fai o posible por ver todas as exposicións que pode, xa que se sente cómodo absorbendo influencias do máximo número de fontes. «O reto é ordenar toda esa información e sacar conclusións propias».

Entre as obras que lle resultaron máis abraiantes cita unha intervención de Masami Akita, onde unha soa persoa xera un caos sonoro de alta intensidade, provocando unha atmosfera asfixiante e detonadora, e tamén unha apoteótica representación da obra S20 na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, por parte de Hiroki Humeda, na que corpo, luz e son se pechaban entre muros de formigón sen esperar explicacións nin xustificacións de ningún tipo.