«O texto de Valle-Inclán ten unha prosa espectacular, todo o que di é fermoso»

M. X. Blanco, A. Novo

RIANXO

cedida

A actriz destaca que se trata dun espectáculo apto para tódolos públicos

13 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de pasar polos escenarios barbanceses de Muros, A Pobra e Noia, Producións Excéntricas, a compañía do ribeirense Quico Cadaval, desembarca hoxe en Rianxo (auditorio, 21.00 horas). Entre os actores que se situarán sobre as táboas do auditorio para darlle vida aos personaxes de A cabeza do dragón, un texto de Valle-Inclán traducido por vez primeira ao galego, atópase Patricia Vázquez, que contou en Radio Voz a súa experiencia nesta montaxe.

-¿Como recibiu a proposta para formar parte do elenco de A cabeza do dragón?

-Foi a través dunha chamada de Quico Cadaval, que me fixo hai case un ano. Foi unha alegría dobre, por regresar ao teatro, xa que había tempo que estaba máis involucrada no eido audiovisual, e por poder representar o primeiro Valle-Inclán en galego.

-¿Botaba de menos o teatro entón?

-Sempre digo que o audiovisual e o teatro son dous fillos da mesma nai e que cada un achega a súa parte, pero a emoción que transmite o teatro, o directo, ver a reaccións do público, iso non o dan nin a televisión nin o cine.

-E despois desa paréntese nos escenarios enfróntase a unha obra con tres personaxes a falla de un, ¿un reto difícil?

-Si. A obra son moitos personaxes e había que repartir papeis. Eu fago unha raíña, unha taberneira e unha duquesa na parte final da obra.

-¿Como fixo para construír cada un deles?

-Na primeira fixen unha mestura entre a raíña de corazóns de Alicia no país das marabillas e da raíña Isabel, a nai de Alfonso XII. Na segunda optei por unha taberneira ao uso e na duquesa, unha muller moi preocupada polas políticas da corte.

-¿Que sentiu cando lle deu vida en galego a estes personaxes valleinclanianos?

-Sentín moita emoción. É un texto marabilloso que eu non coñecía ata que Quico Cadaval me falou del. Xa en castelán me pareceu unha obra estupenda e en galego sona mellor. O texto de Valle ten unha prosa espectacular, todo o que di é fermoso. Neste caso, utilizamos incluso as anotacións porque nos daba mágoa desbotalas. É un texto mo bonito de dicir e de escoitar.

-¿Como foi a preparación deste gran espectáculo?

-Empezamos os ensaios en xaneiro, que foi cando venceron os dereitos de autor. Había esa prohibición absurda por parte dos herdeiros legais e empezamos o 9 de xaneiro os ensaios.

-¿Que se van atopar os rianxeiros esta noite?

-Animo a todo o mundo a que vaia porque é unha obra diferente, de príncipes e princesas, apta tanto para o público xuvenil como para o adulto. Ten esa ironía valleinclaniana e parte do texto hai quen pensa que foi inventado por Quico Cadaval e, para nada, foi composto hai cen anos por Valle-Inclán, pero podería aplicase á sociedade actual. É unha obra divertida, entretida e que se fai curta.

-¿Cales eran as sensacións con respecto á estrea, sobre todo polo arriscado da proposta?

-Era arriscado porque o lóxico sería coller unha obra máis coñecida, pero o certo é que as reaccións foron estupendas, colgando o completo en Santiago tódolos días. En tódolos sitios polos que estamos pasando, os aplausos son moi cálidos.

-E o feito de levar a montaxe á Illa e á Pobra, ¿como foi?

-Na Illa houbo conexión co público e na Pobra, onde eu teño familia, foi como xogar na casa.

-¿É excepcional o éxito que está a ter esta obra tendo en conta o momento que atravesa o teatro?

-Hai obras que están funcionando moi ben. Xa vin este éxito con Eroski paraíso, por exemplo. Alégrame que haxa funcións que colguen o cartel de non hai entradas. Iso significa que algo se está movendo a pesar dos atrancos da Consellería de Cultura, a pesar do racaneo coas subvencións, xa que as compañías privadas teñen que arruinarse para levar a cabo unha montaxe. Foi o caso de Excéntricas, que tivo que contratar oito actores, que é moi fácil de dicir, pero moi difícil de asumir. O teatro é a empresa con máis impagos do estado. Hai concellos que tardan meses e máis dun ano en pagar e iso non hai compañía que o resista.

-¿Hai Cabeza do dragón para moito tempo?

-Espero que a compañía teña para anos e anos, que lle saian funcións incluso fóra, porque senón é difícil manter un elenco de oito persoas en cartel. Para min é unha proba de valor inmensa por parte de Producións Excéntricas asumir esta montaxe.