Circos, animais e realidades

RIANXO

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando era pequena e ía ás festas da Pascua a Padrón sempre quería subir nos ponis, pero os meus pais non me deixaban. E lembro que sendo moi cativa estaba desgustada porque quería ir ao circo, igual que recordo a ilusión que me fixo saber que me ían levar. Nin sequera a min, sendo unha nena, me pareceu daquela un gran circo, esperaba algo máis grande, pero non volvín decepcionada e creo poder verme a min mesma coa miña cara de abraio sentada na grada daquela carpa. Nin sequera me lembro de que foi o que vin alí, só que estaba pasmada mirando canto acontecía na pista.

Nunca lle preguntei aos meus pais por que eran tan remisos a que montara nos ponis da festa ou a que fora ao circo. Pero si sei por que non creo que leve aos meus sobriños por vontade propia. Os pequenos equinos dando voltas sen chegar a ningures entre o barullo das demais trangalladas inspíranme máis pena que outra cousa. Ao circo só fun dúas veces, e a segunda, xa de maior, foi suficiente para ter a certeza de que non me gusta, porque os animais do espectáculo déronme a mesma pena, ou máis, que os pobre ponis.

Non sei se viven unha vida chea de maltrato, pero intúo que a forma máis eficaz ?e posiblemente a máis socorrida? para domesticar a un animal salvaxe é a violencia. E aínda que non sexa así, maltratados ou non, o que vin claro é que os tigres e leóns que desfilaron pola pista diante da mirada abraiada dos cativos non son libres e parecéronme moi tristes.

Os que viven do circo defenden que é o seu modo de vida, que traballan cos animais. Tamén hai anos as burras e os bois tiraban dos carros e araban a terra. Pero, así como estes foron substituídos por máquinas, igual se pode buscar unha alternativa para o circo que permita aos cativos seguir soñando coa maxia que inspira sen que haxa especies de mamíferos salvaxes polo medio.

Tamén haberá entre o público a quen lle guste ver a leóns saltando polo medio de aros ardendo ou elefantes mantendo o equilibrio sobre dúas patas ou bailando ao son que marca o domador, e que non estarán de acordo coa decisión da corporación de Rianxo de declarar o concello libre de circos con animais, así que a polémica parece servida.

Non sei que pasará, se haberá o espectáculo anunciado ou non, e se o Concello tomará medidas como as que adoptou o de Vilagarcía para evitalo, pero si creo que sería bo que o acordo que se adoptou no seu día no pleno traspasara o papel para aplicarse na práctica. Por desgraza, estamos demasiado afeitos a ver como nos salóns nobres das casas consistoriais se toman moitas decisións que logo quedan metidas no caixón e nunca se converten en realidade.