A Fundación Rosalía presentará en Rianxo «Follas Novas»

M.X.B.

RIANXO

Xosé Luís Axeitos dirixe esta nova revista de estudos sobre a autora do Sar

22 feb 2017 . Actualizado a las 13:47 h.

A Fundación Rosalía de Castro presentará mañá no auditorio de Rianxo Follas Novas, a nova revista de estudos rosalianos. O acto terá lugar ás 20.30 horas e contará coa intervención do rexedor local, Adolfo Muíños; do director da revista, Xosé Luís Axeitos; a coordinadora deste primeiro número, Pilar García Negro; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Previamente, ás 19.30 horas, haberá un acto institucional diante da estatua de Rosalía que se atopa no paseo da Ribeira, que incluirá unha intervención musical a cargo de Sabela Galbán, Oli Xiráldez, Gustavo Couto e Alberto Pires. 

Este primeiro número de Follas Novas, de 237 páxinas e que se publicará con periodicidade anual, inclúe artigos e investigacións dos principais expertos en Rosalía de Castro, tanto a nivel nacional como internacional. É o caso de Kathleen N. March, da Universidade de Maine (EEUU), Carme Fernández Sanjulián (Universidade da Coruña), María López (USC), Francisco Rodríguez ou a propia Pilar García Negro, entre outros.