«O obradoiro cumpre unha función social con algunhas persoas»

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable do plan de formación que se leva a cabo en Rianxo destaca a diversidade dos contidos que se dan

19 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Arcos Moldes é o nome dun programa de oportunidades laboral, consistente nun obradoiro de albanelería e xardinería, que se está a desenvolver na localidade de Rianxo ao longo de seis meses para formar a 20 desempregados nestes ámbitos. O seu director, o arquitecto Fernando Faya (A Coruña, 1980), abordou os beneficios desta iniciativa conxunta sufragada practicamente a medias entre o Concello de Rianxo e a Consellería de Industria.

-¿Hai un perfil definido dos usuarios deste obradoiro?

-É un perfil moi variado. Todos os extractos da poboación están reflectidos en Arcos Moldes. É unha fiel imaxe da sociedade. Hai xente de 21 ata 60 anos, con experiencia laboral ou sen ela. Tamén é destacable e positivo que máis da metade sexan mulleres.

-¿Cal é o nivel de coñecemento dos participantes á súa chegada?

-Nas materias que competen a Arcos Moldes o nivel é diverso. Contamos con persoas que tiñan traballado no sector da construción e outras que tiveron contacto co mundo agrario ou da xardinería. O nivel de estudos e cultural é moito máis elevado do que se supón neste tipo de programas. A gran maioría ten a ESO e moitos posúen varios títulos de formación profesional.

-¿Cal é a metodoloxía que se emprega neste obradoiro?

-No obradoiro combínase a formación teórica coa práctica. A primeira recíbena na Aula Activa do Mar. Os alumnos tamén adquiren nocións de asesoramento laboral e informática ou de igualdade de xénero. Reciben información de como elaborar un currículo, darse de alta como autónomos ou crear unha empresa. Na parte práctica sempre contan co apoio do docente, que os acompaña en todo momento.

-¿Cales son as principais actuacións que levan a cabo?

-No módulo de albanelería só se vai actuar no edificio administrativo próximo ao Concello rianxeiro. Os participantes ocúpanse de tarefas como levantar tabiques colocando ladrillos ou de botar o piso de porcelana. Ao respecto da xardinería, trátase do mantemento de zonas verdes existentes na vila, como as do paseo marítimo ou o da Ribeira. Realizan labores como podas ou plantado de especies autóctonas.

-¿Existen mecanismos de avaliación dentro do programa?

-Claro, faise unha avaliación continua por módulos, que mestura exames teóricos coa aplicación práctica. Tamén se analizan outros factores valorados polas empresas como o traballo en equipo ou a motivación.

-¿Cal cre que é a importancia deste tipo de iniciativas?

-Non se trata só da formación académica, senón da integración. O obradoiro cumpre unha función social con algunhas persoas en risco de exclusión social polo desemprego. Ao remate aos participantes entrégaselle un diploma de asistencia e un certificado laboral con validez estatal. Dentro deste documento tamén se inclúe de balde o título de prevención de riscos laborais. Ademais, contan cun contrato para formación e aprendizaxe, cun salario e cotizando á Seguridade Social.

«Todos os extractos da poboación están reflectidos en Arcos Moldes. É unha fiel imaxe da sociedade»