O tempo fará xustiza coa casa dun dos máis grandes rianxeiros

Javier Romero Doniz
Javier Romero RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

O proxecto de rehabilitación está previsto que comece en xaneiro e que se prolongue durante seis meses

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un pon Rafael Dieste no maior buscador da Rede atopará que, nas primeiras referencias, figura o nome deste ilustre rianxeiro acompañado da palabra «Rianjo», en referencia a súa vila natal. Trátase dun erro imperdoable no ano 2016 que aínda non ten data para solucionarse. A que si está encamiñada é a reforma da casa deste intelectual, que despois de moitos anos e intentos por parte do actual equipo de goberno, xa encara a súa posta a punto cunha completa rehabilitación financiada pola Deputación. O cal, todo sexa dito, supón facer xustiza coa historia e o legado dun referente das letras patrias.

O primeiro que cabe dicir é que o aspecto exterior da vivenda, totalmente rexuvenecida grazas o empeño que tivo o Concello hai seis anos, está nas antípodas do que un pode atopar cando percorre o inmoble. O interior da casa non foi alleo ao paso do tempo, ás humidades ou ao desgaste propio dos materiais de obra utilizados no seu día cando foi construída. E aínda así, a pesar do deterioro, as paredes, cociña ou estancias seguen transmitindo algo de especial, como se o mesmo Rafael Dieste fora a aparecer en calquera momento.

A mesma entrada da casa, cunha vidreira sinxela pero propia da época, xa é evocadora. Na mesma parte baixa, pero achegándose ao fondo, pódense ver os restos do papel que no seu día decorou esta gran estancia, na que, ademais, está, no tellado, un retrato de Castelao. O acceso á primeira planta obriga a subir polas escaleiras, que precisan unha intervención urxente. O mesmo ocorre no chan dese piso superior, no que a madeira, nalgúns tramos concretos, está rota. A cociña, pola súa parte, aínda que se conserva enteira, non está para ser utilizada, pero si que permite imaxinar todo un mundo de posibilidades futuras. Igual sucede na estancia na que se atopa a galería, onde aínda permanece un panel con carteis electorais cos retratos dun mozo Xosé Bravo Frieiro, candidato do PSOE á alcaldía nos comicios celebrados no ano 1991.

Loita política

No equipo de goberno rianxeiro, o alcalde, Adolfo Muíños, non agacha o cariño que el e os seus compañeiros lle teñen ao proxecto de rehabilitación, que unha vez rematado dará paso á recolocación dos mobles orixinais da casa e que xa están almacenados e restaurados.

Muíños recorda que, no seu día, o Goberno de España tiña este proxecto entre varios para ser financiado, pero que coa chegada do galego Mariano Rajoy se desestimou. Foi por iso que o alcalde e os seu equipo traballaron para buscar na Deputación da Coruña o apoio necesario para sacalo adiante. O proxecto está previsto que comece en xaneiro e que teña un prazo de execución duns seis meses.