«A Xunta debe ser a que tire para facer museo a casa de Castelao»

RIANXO

GERPE

O rexedor falou en Voces de Barbanza da necesidade da mellora das conexións co tren de alta velocidade

12 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A necesidade de que o centro de saúde conte con outro pediatra, as reclamacións dos veciños de Isorna pola situación na que quedaron as súas parcelas trala ocupación polas obras do AVE e o proxecto de musealización da casa de Rafael Dieste foron algunhas das cuestións abordadas polo rexedor rianxeiro, Adolfo Muíños, no espazo Voces de Barbanza, conducido por Manuel Dieste.

-Deuse un importante paso para converter en museo a casa de Dieste, unha vella aspiración.

-O proxecto quedou bloqueado no Ministerio de Cultura a consecuencia da crise económica e agora abríronse de novo as portas, tanto por parte da Deputación como da propia familia para facer un espazo expositivo que reflicta a historia do autor, do Rianxo do século XX e do seu sobriño Eladio Dieste, afamado enxeñeiro. O Concello ten mobiliario orixinal que está gardado e que formaría parte da exposición. En canto ao inmoble, a parte superior precisa dunha importante reforma. Ademais, hai que facer modificacións para garantir a accesibilidade. Dieste é unha figura que ten proxección fóra de Galicia e de España. Por exemplo, Roberto Bolaño ten referencias a Dieste e á súa obra.

-Para completar a triloxía só faltaría que se puidera facer o mesmo coa vivenda de Castelao, algo que parece imposible. 

-Eu nunca diría iso. É certo que é necesaria moita dose de xenerosidade por parte de todos, especialmente da familia. Hai algún contacto ao máximo nivel porque é un proxecto que transcende do ámbito local. A Xunta debe ser a que tire para facer museo a casa de Castelao e teño coñecemento de que o propio Feijoo se interesou por este asunto. Por parte do Concello faise todo o posible. Tamén sería importante conseguir para este fin a porcentaxe do 1,5% que lle corresponde aportar a Fomento polas obras do AVE, como pasou coas torres de Catoira.

-Fala vostede das obras do tren, que traen de cabeza a un grupo de veciños de Isorna.

-O Concello recolleu o espírito dunha moción aprobada en pleno, que busca respaldar as reivindicacións dos veciños sobre as súas propiedades, que unha vez finalizada a ocupación provisional, non quedaron no mesmo estado no que foron entregadas. Tamén hai intereses colectivos afectados, como un regato que quedou obstruído e un vial da Deputación, que se inunda.

-A alta velocidade pasa por Rianxo, pero pouco partido poden sacar os veciños da comarca desta infraestrutura.

-Tendo o prexuízo non temos o beneficio. A estación que hai en Padrón non serve aos intereses de ninguén e non se está utilizando. É unha mágoa que non haxa boas comunicacións porque esta é unha comarca importante demograficamente. Temos que mellorar as condicións de acceso con esa estación porque esa pode ser unha alternativa ao desprazamento por estrada.

-Outro problema que preocupa a moitos veciños é a falta de pediatra.

-É un dos concellos nos que un médico ten maior número de cartillas. É necesario un segundo pediatra para Rianxo, porque o actual ten 1.328 cartillas e o normal é que un especialista teña asinadas entre 700 e 800. Mandouse a un médico que non é pediatra e iso consideramos que é un parche. Arguméntase que non hai especialistas e gustaríanos saber que se fai para formar aos pediatras do futuro.