Xoubas e libros converteron Rianxo nun fervedoiro

RIANXO

Riveiro, Losada, Muíños e Lobato, na presentación do libro<span lang= es-es >. </span>
Riveiro, Losada, Muíños e Lobato, na presentación do libro. c. q.< / span>

A caseta onde se vendían os vales da comida rexistrou longas colas de xente

26 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As rúas de Rianxo presentaron onte un aspecto inmellorable. A xente percibiu a partir das 12.30 horas que os fogóns comezaban a prenderse no Campo de Arriba polo cheiro que emitían as xoubas ao fritirse e a carpa habilitada para degustar este manxar foise enchendo paulatinamente de rianxeiros e foráneos. Ademais deste peixe tamén se ofreceu empanada e mexillóns, e para acompañar as racións unha boa variedade de bebidas. Este menú motivou que o posto onde se vendían os vales que se podían cambiar pola comida rexistrara longas colas de xente.

As diferentes personalidades que onte estiveron en Rianxo tampouco se quixeron perder o que a Festa de Xouba ofrecía. O secretario xeral do Partido Socialista en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a súa visita á localidade para repousar nunha das mesas xunto aos seus compañeiros e recuperar forzas tras o discurso que pronunciou ante o busto de Castelao. Pero non todo ía a ser comer onte no municipio, tamén houbo tempo para bailar grazas as actuacións da Banda de Música Municipal de Boiro, da Escola de Música de Rianxo e do grupo Pandeiromus.

Biografía sobre Faustino Rey

Mentres se servían as primeiras xoubas no Campo de Arriba, na casa consistorial Xosé Ricardo Losada presentaba o seu libro biográfico sobre a figura de Faustino Rey Romero. O alcalde, Adolfo Muíños, abriu o acto nun salón de plenos abarrotado, celebrando que alguén optase por plasmar a vida de Faustino Rey no papel e reivindicou que nos vindeiros anos se lle dedique o Día das Letras Galegas.

Pola súa parte, Ricardo Losada asegurou que escribiu sobre as vivencias do autor rianxeiro non só «centrándome nas súas virtudes, senón tamén expoñendo os seus defectos. A análise de Faustino Rey fíxena dende tres dimensións: como escritor, como crente e crego e como home, que era a que máis me atraía». Ademais, tamén se presentou a obra Elos de cinza de Xosé Lobato.

Actos de hoxe na Feira do Libro

A Feira do Libro conclúe hoxe despois de catro días de moita actividade. Ás 12.00 horas, Helena Villar Janeiro presentará o seu libro infantil As señoras cousas e Rocío Pérez Castro, o seu texto Leandro e os números.

Ás 18.00 está previsto que actúe o contacontos Miguel Ángel Alonso e a partir das 21.00 haberá una representación teatral para os máis pequenos.