Antón Castro liderará o debut político de Rianxo en Común

Ribeira / La Voz

RIANXO

Ségueno na lista Juan Losada, Constantino Castaño e Concepción Sánchez 

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:40 h.

Houbo momentos nos que pareceu que o proxecto non lograría saír adiante pero, finalmente, Rianxo en Común conseguiu reunir a un grupo de persoas comprometidas que se sumarán á contenda electoral do vindeiro 24 de maio. O venres pola noite tivo lugar a presentación da candidatura, que vai liderar Antón Castro e da que forman parte dezasete veciños do municipio.

O auditorio viu medrar o proxecto de Rianxo en Común e foi tamén o escenario no que se deron a coñecer os nomes dos membros dunha lista que aspira a facerse un oco na corporación no seu debut político. Castro, orientador no instituto de Espiñeira, estará arroupado por un equipo do que forman parte, ata o posto nove, Juan Losada, Constantino Castaño, Concepción Sánchez, Xosefa Comojo, Tantino Rodríguez, Ana Vidal, José Ángel Pampín e Carlos Angueira.