O rianxeiro que levou o galego a Android

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Desenvolveu o primeiro teclado gratuíto para móbiles na fala de Castelao e iso valeulle un premio

22 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Só ten 21 anos, así que no caso do rianxeiro Álvaro Ordóñez máis que dun orgullo barbancés falamos dunha promesa. Porque sendo tan novo, e coa traxectoria que xa ten, a bo seguro que son moitos os logros que aínda lle quedan por acadar. De momento, apunta boas maneiras. O ano pasado conseguiu desenvolver unha aplicación gratuíta que lle permite aos móbiles co sistema operativo Android «entender o galego», e ese traballo valeulle o seu primeiro recoñecemento.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) escolleu o teclado dixital creado por un equipo formado polas empresas FAZ e Cilenis, xurdidas ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela. Xa había unha base lingüística e o que fixo Álvaro Ordóñez foi desenvolver a parte informática, e fíxoo utilizando software libre: «Facer un teclado partindo de cero cos nosos medios sería imposible, e o que fixemos foi usar as solucións que xa había introducindo modificacións para que o programa entendera o galego».

O resultado foi o primeiro teclado en galego gratuíto para Android, un carro ao que ao pouco tempo se subiu Google lanzando a súa propia aplicación. Pero, a diferenza do deseñado polo buscador, o programa «feito na terra» non só utiliza o galego, tamén corrixe a ortografía e os erros máis frecuentes, e inclúe terminacións verbais ben conxugadas. Outra das súas vantaxes é o texto preditivo: «O teclado vai aprendendo e canto máis se utilice máis palabras recoñece». Facer isto non estivo exento de dificultades e, de feito, aínda falta moito por facer porque o galego «é un idioma moi rico» e construcións coma os diminutivos ou os pronomes de solidariedade supoñen unha complicación engadida.

Sorpresa maiúscula

Estre traballo foi recoñecido por Amtega, un galardón que Álvaro non esperaba en absoluto: «Agardaba que nos deran algún dos diplomas menores, o do valor social, porque a ferramenta resolve un problema real da xente, e cando acabaron de entregalos pensei que quedara sen nada... Ata que dixeron que o premio era para o teclado en galego».

Aínda que neste intre está facendo as prácticas e inmerso no traballo de fin de carreira, non foi ese teclado a primeira ferramenta que desenvolveu o mozo. Para Android tamén creou unha aplicación que permite configurar a wifi das tres universidades galegos con só introducir o usuario e o contrasinal. Explica que non é sinxelo conectarse a esa rede sen fíos e que a idea se lle ocorreu na súa época de bolseiro na USC polos problemas que tiñan os alumnos para acceder ao servizo: «A mellor forma de aprender en informática é poñerse un obxectivo e ir probando ata atopar a forma de conseguilo».

Proxecto de investigación

De momento, non ten en mente a creación de novas aplicacións porque está ocupado no traballo de investigación que leva a cabo para o seu proxecto fin de carreira. O Ministerio de Educación concedeulle unha bolsa de estudos en Citius (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Investigación), onde se centra no rexistrado de imaxes hiperespectrais.

El mesmo recoñece que resulta difícil explicar un proxecto que soa máis a trabalinguas que a un traballo de fin de carreira. A grandes trazos, as imaxes hiperespectrais son fotografías tomadas con avións, barcos ou satélites -traballa incluso con imaxes da NASA- que conteñen gran cantidade de información que o ollo humano non é capaz de ver e que teñen diversas aplicacións, moitas delas no ámbito da medicina. O que fai Álvaro é crear un algoritmo que aliñe dúas imaxes do mesmo lugar, pero sacadas en momentos distintos, para poder superpoñelas e comparalas.

Este complexo labor, a ollos dos profanos na materia, combínao coa creación de páxinas web para distintas entidades da vila.

Álvaro Ordóñez Informático