Rianxo pecha a homenaxe de Barbanza a Rosalía de Castro

ribeira / la voz

RIANXO

Oito veciños participaron nunha lectura de textos

01 mar 2015 . Actualizado a las 22:03 h.

Tal e como pedía a Asociación de Escritores en Lingua Galega, varias localidades de Barbanza conmemoraron o pasado 24 o día de Rosalía de Castro, coincidindo coa data do seu nacemento. Pero Rianxo deixou para onte a súa particular homenaxe á autora de Follas novas. Aínda que estaba previsto que esta se celebrara nos xardíns de Manuel Antonio, onde se atopa a escultura da escritora do Sar, a chuvia obrigou a trasladar a lectura de textos ao interior da casa consistorial. Alí déronse cita unhas trinta persoas, das cales, oito animáronse a recitar. Tres delas incluso se atreveron con composicións propias, feitas para a ocasión.

O rexedor local, Adolfo Muíños, leu o manifesto da asociación de escritores, no que se reivindica que o 24 de febreiro sexa institucionalizado coma o día de Rosalía. Tres concelleiras, Marité Sobradelo, Hadriana Ordóñez e Adelina Ces, tamén quixeron poñerlle voz aos versos da homenaxeada. Notouse a falla dos actores de Airiños, desprazados a Noia para unha actuación, en concreto o último pase da montaxe Celtas sen filtro.

Os gaiteiros de Fogo Fatuo e As Rianxeiras da Covecha encargáronse da parte musical.