Mitos e lendas invadiron o colexio da Serra

J.M. Sande OUTES

OUTES

sande

O centro educativo abriu as súas portas para que os pais dos alumnos coñeceran o traballo dos cativos

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP Plurilingüe da Serra de Outes vén de celebrar dúas xornadas de portas abertas durante as que se presentou ás familias do alumnado o traballo feito no centro ao abeiro do proxecto Mitos e lendas de Galicia. As familias dos escolares tamén tiveron a oportunidade de ver o vídeo da iniciativa, O acuario de Outes, realizado polos nenos que reciben atención diferenciada, traballo que foi merecente do primeiro premio en inmersión educativa dentro do programa Escola Viva.

Os nenos e nenas de A Serra foron os encargados de presentarlles aos pais o labor de investigación e aprendizaxe, así coma o resultado final do proxecto Mitos e lendas de Galicia. Así, mediante murais, representacións, maquetas, carteis e mesmo elementos audiovisuais, as familias foron coñecendo todo o traballo realizado este curso.

Entre os mitos estudados polos alumnos figuran o Rato Pérez, os trasnos, as meigas, os astros, os curandeiros e curandeiras, os demos e os anxos, os lobishomes, as sereas ou a lenda da fundación de Noia.

Pais, nais, mestres e rapaces compartiron vivencias e experiencias nunhas xornadas que tamén serviron como medio de aproximación, coñecemento e interese por canto acontece no centro escolar por parte de todos os colectivos implicados no proceso educativo, e incluso a alcaldesa acudiu ao colexio a interesarse polo traballo realizado.