Os versos apagados de Nicolasa Añón viron a luz

OUTES

O autor do volume estivo arroupado por Manolo do Río, Agustín Agra e Xavier Castro.
O autor do volume estivo arroupado por Manolo do Río, Agustín Agra e Xavier Castro. marcos creo< / span>

Terra de Outes e Ramón Blanco aliáronse para publicar a obra dunha poetisa que viviu á sombra do seu irmán

01 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Añón é un poeta de Outes sobradamente coñecido, ao que a historia da literatura galega lle ten gardado un espazo privilexiado. Pero o que xa non é tan de dominio público, ou non o era ata o de agora, é que á sombra do gran bate barbancés viviu a súa irmá Nicolasa Añón, quen deixou unha interesante obra que ven de ser recompilada e investigada polo mestre e escritor Ramón Blanco e editada pola asociación Terra de Outes.

A protagonista da historia que a asociación Barbantia elixiu para facer pública coincidindo coa súa cita mensual viviu entre o 1810 e o 1887. Como lle ocorría ás mulleres daquela época, criouse coma unha moza de aldea, vendo como seu irmán se convertía en escritor e xornalista. Por fortuna, tivo quen perpetuara mediante o papel as súas composicións poéticas, coplas romanceadas de índole relixiosa.

Un deses manuscritos, asinado por Jacobo Lema Fernández e datado en 1885, chegou no 2012 ás mans de Ramón Blanco. Foille entregado polo outiense Francisco Martelo quen, por certo, non tivo ocasión de ver a edición apadriñada por Terra de Outes, xa que faleceu.

Fonda investigación

Nun primeiro momento, tal e como explicou no acto de presentación que o venres se celebrou no instituto Virxe do Mar de Noia, a intención de Ramón Blanco era reeditar aqueles versos, pero despois decantouse por levar a cabo un estudo máis profundo sobre a vida e a obra de Nicolasa Añón. Foi a investigación emprendida a que levou ao mestre a incorporar ao seu libro as referencias que outros escritores fixeron con anterioridade sobre a poetisa de Outes.

O noiés Lisardo Rodríguez Barreiro xa publicara os seus poemas, aínda que Ramón Blanco lle engade agora varias composicións inéditas; mentres que Carballo Calero a incluíu na historia da literatura galega. Agora, Nicolasa Añón tamén pasará a ocupar o lugar que se merece en Outes e en Barbanza.

Chamamento á loita colectiva a prol da lingua e da cultura galegas

Unha das persoas que na noite do venres arrouparon a Ramón Blanco na presentación do seu volume foi o director de Barbanza Agustín Agra, que aproveitou a ocasión para facer un chamamento á loita colectiva a prol da lingua e da cultura galegas. Aínda amosándose optimista a pesares das estatísticas que reflicten unha caída do número de galegofalantes, sinalou que a crise que atravesa a industria cultural e a redución de axudas por parte da Xunta fan máis necesaria que nunca unha enerxía cultural xurdida de revistas, autores, investigadores e asociacións, poñendo como exemplo ás dúas representadas, Terra de Outes e Barbantia.

Engadiu a esta lista o instituto Virxe do Mar o seu director, Xavier Castro. Motivos non lle faltaban. Ao seu carón tiña dous exalumnos responsables do libro que se estaba a presentar e, polo tanto, do acto en si: Ramón Blanco e Manuel do Río, mestre e directivo de Terra de Outes. Este último incidiu na importancia que o centro educativo ten na formación de novos valores e na difusión da cultura en xeral. Sobre a asociación á que estaba representando destacou a súa loita pola defensa do patrimonio, tanto material como inmaterial.

Alicia Ávila, ao piano

O acto, que contou cunha notable afluencia de público a pesares de que a chuviosa tarde non acompañou, foi redondeado con outro bo exemplo da explosión cultural e artística que rexistra Noia e, en xeral, o territorio barbancés. A alumna de primeiro de bacharelato do Virxe do Mar Alicia Ávila interpretou pezas de Bach e Mozart que serviron de sonoro colofón.