Unha industria con historia

Xoán García presentou un libro sobre a evolución da carpintería de ribeira no municipio outiense


Outes conta xa cun traballo sobre os estaleiros do concello despois de que Xoán Francisco García Suárez recompilase a historia na que se conta a evolución durante os dous últimos séculos dunha industria que tivo grande importancia no municipio: a construción de barcos de madeira. Toxosoutos encargouse da edición deste libro, que ten por título A carpintería de ribeira e os estaleiros no concello de Outes .

Conta o autor, que na presentación estivo acompañado polo alcalde, Carlos López Crespo, o editor Xacobo Llamas e o historiador Pedro García, que en 14 quilómetros de costa que ten o municipio, chegou a haber ata 40 talleres nos que se fixeron barcos de madeira. En poucas zonas europeas desas dimensións se pode constatar tal cantidade de estaleiros, nos que se chegaron a facer miles de barcos, dende goletas a bucetas, paquebotes, lanchas, balandros ou chalanas.

García Suárez atopou documentación que certifica que xa no século XI facíanse barcos de pesca no territorio outiense, e que ademais posuían unha denominación propia: as lanchas sancosmeiras. Preto dos embarcadoiros de A Barquiña, Ceilán, O Freixo ou Rates xa existía actividade construtiva naquelas épocas.

Se a participación dos estaleiros outienses na construción de navíos para a Armada Invencible forma parte dun mito ou lenda local, si se confirmou a existencia no século XVIII de moitas carpinterías de ribeira no municipio de Outes que se dedicaron a facer barcos para o comercio marítimo e para satisfacer as necesidades de peixe que se derivaron da chegada das fábricas de salazón á comarca.

Outes ten tamén a sona de construír barcos con características propias dende comezos do XIX, coma o galeón de O Freixo ou as bucetas. Tamén proceden desa época barcos de pasaxe, os chamados carretos, que se dedicaban a transportar todo tipo de carga e persoas.

Da presenza de centos de traballadores nos estaleiros de O Freixo dá conta a existencia de sociedades obreiras do sector naval, que convocaron folgas nestes colectivos a partires do ano 1918. Pero será a irrupción dos motores nos navíos a que fornecerá a masificación construtiva na zona, que perdurou ata mediados do pasado século.

O libro conta como, desde aquela, a cifra de estaleiros foi minguando progresivamente ata quedar soamente catro talleres nos que aínda hoxe fanse barcos.

Votación
0 votos